Alimentación e Saúde

O DEBATE | Deben ofrecer os centros de ensino públicos galegos a opción de menú vegano?

Comedor escolar. (Foto: Europa Press)
Familias defenden a opción de que os seus fillos e fillas poidan ter un menú "100% vexetal", abrindo así un debate ao respecto.

Un dereito

Ana Fernández, membro da Rede Vegana

Partamos de dúas consideracións. A primeira, que o veganismo é un posicionamento ético contrario á explotación (uso, abuso, morte etc.) dos animais. Non é nin unha moda nin unha frivolidade. É a convicción de que se pode vivir sen violencia cara aos demais animais. Unha cuestión de respecto, xustiza e igualdade. A segunda, que a alimentación vegana tamén é nutricionalmente completa, segura, saudable e adecuada ás diferentes idades. Nos últimos anos hai pronunciamentos de sociedades e asociacións de nutricionistas neste sentido.

Partindo destas dúas consideracións. como pode ser que non se permita desde a Administración a posibilidade de que  se poida ter un menú 100% vexetal e libre de explotación e sufrimento animal nos centros de ensino públicos?. 

Nos últimos anos houbo demandas neste sentido, tanto para aqueles centros infantís que dependen da Administración autonómica como tamén houbo demandas neste sentido para os centros deste tipo que dependen da Administración local.

"Non permitir esta posibilidade deixa as familias sen o dereito a usar un servizo como o comedor público"

Se miramos ao noso redor, non fai falta ir moi lonxe para ver que existen  Comunidades Autónomas onde esta opción existe para o alumnado, sen problema ningún e sendo perfectamente posible e viable: Catalunya e Com unidade Valenciana.  Nos comedores das escolas públicas vascas hai cinco tipos de menús: o menú basal, o menú sen porco, o ovolactovexetariano, o ovolactovexetariano con peixe e os adaptados a dietas con necesidades nutricionais especiais como intolerancias, alerxias ou dietas para patoloxías con tratamento dietético específico. Con todo, non existen os menús veganos malia que 5.000 familias así o pediron. Pero a petición das familias de incluír un menú vegano nos colexios públicos de Euskadi contou co apoio de todos os partidos do Parlamento Vasco, un avance.

Aquí aínda seguimos lonxe dese nivel de debate. O menú 100% vexetal é un dereito e os poderes públicos deberían atender ese dereito. Non hai unha normativa estatal sobre este tema, son as Comunidades as quen deben decidir e no caso de Galicia a normativa sobre comedores escolares ten máis dunha década, non contempla esta posibilidade e remítese, por resumilo, a un menú único para todo o alumnado agás para aqueles que, por motivos médicos, necesitan outra opción. A decisión final queda moitas veces en mans da dirección dos centros. Non ter este dereito implica ademais alteracións para a familia, pois non pode usar este servizo público como o resto, e ten que organizar o día sen contar con ese elemento tan importante  como é o comedor escolar.

Hai prexuízos en parte da sociedade sobre a dieta vegana como unha dieta que non é saudable nin achega todo o necesario para a correcta alimentación dunha persoa, e sobre todo para a alimentación de nenos e adolescentes. Iso non é así. Desde a Administración, e sobre todo en campos como o do ensino, debería de facerse un esforzo para borrar eses prexuízos falsos. E que mellor que permitir o menú vegano nos centros.


Con pés de la

David Otero, nutricionista e dietista

A alimentación dos nenos é importante sempre. Non se lles pode dar calquera cousa nin exactamente o mesmo que come o resto da familia. Isto, que se emprega moitas veces para advertir pais e nais veganas ou vexetarianas sobre a alimentación que dan aos seus fillos, tamén vale para o resto. O problema principal hoxe na alimentación son os produtos ultraprocesados ou azucrados. A perda dos estilos de vida saudables (abandono das dietas atlántica e mediterránea, diminución da actividade física e aumento da inactividade a través do lecer pasivo) acontecida nos últimos anos garda unha estreita asociación coas principais causas de morbilidade.

Pero centrémonos, do que imos falar é sobre se é ou non seguro dar dieta vegana a un neno e se debería de existir esta alternativa nos menús escolares.

Para que unha dieta achegue todos os nutrientes e compoñentes funcionais necesarios para unha boa saúde debe ser suficiente en cantidade, variada (distintos tipos de alimentos), diversificada (non interferir uns nutrientes con outros) e adecuada ás necesidades por idade, sexo, actividade física e estado de saúde ou enfermidade.  Se isto é fundamental en calquera momento do ciclo vital, o é aínda máis na idade pediátrica, cando o organismo está en crecemento e desenvolvemento e ademais estase producindo a programación metabólica, a curto, medio e longo prazo. Non é aconsellable retirar da nosa dieta ningún alimento por un falso diagnóstico de alerxia ou intolerancia ou crenzas. Cando isto sexa necesario, debe realizarse baixo control e consello médico, para asegurar os nutrientes recomendados.

"As dietas estritas poden ser problemáticas para os nenos, hai que planificalas ben"

É importante facer fincapé que a propia dieta actual, aínda que sexa omnívora, dado que non segue as recomendacións da pirámide alimentaria, tamén supón risco de falta de nutrientes e exceso de enerxía, graxas saturadas e trans e azucres. Aínda que as dietas tradicionais, naturais e bioactivas, teñen unha importante achega de cereais, fundamentalmente integrais, froitas e verduras, aceite de oliva e lácteos a diario, e as proteínas de orixe animal deben supoñer menos do 50 % da achega destas; unha dieta vexetariana estrita pode dar lugar a falta de nutrientes fundamentais, déficit de ferro, calcio, vitamina B12, etcétera.

Faise necesaria unha boa programación e, en ocasións, suplementos para que isto non se produza. As dietas vexetarianas ou veganas estritas poden ser problemáticas para poboacións de risco, como embarazadas ou nenos, porque requiren unha boa planificación e suplementos. Ben feitas, e así apuntan nos últimos anos varias asociacións de nutricionistas e de médicos, son seguras. Cando se fai ben, cumprindo consellos profesionais e a dieta está ben planeada, é segura para nenos de todas as idades. A Administración debería abrir un debate sobre este tema, tendo en conta non só a opinión das familias , senón tamén dos profesionais. E ampliar o debate á necesidade dunha dieta san, vegana ou non, en todos os comedores públicos, algo que non sempre se dá.