Reportaxe no semanario

A Xunta planea 20.000 hectáreas máis de eucalipto

[Imaxe: Iain Colquhoun] Eucaliptos

Galiza arde ano tras ano. A Xunta admite que o exceso de eucalipto é unha das causas da desfeita, aínda que só sexa un recoñecemento implícito. Así e todo, o Goberno galego non está disposto a limitalo e, de feito, planea 20 mil hectáreas máis de monocultivo como mínimo. Estas son algunhas das conclusións que se poden tirar da primeira revisión do Plan Forestal de Galiza, documento oficial ao que Sermos tivo acceso. Todo sobre este asunto no Sermos278.

 

A Consellaría de Medio Rural recoñece no Plan Forestal de Galiza o fracaso para controlar a extensión do eucalipto. A polémica especie “está presente en 434,5 mil hectáreas, cifra que excedeu perto do duplo do previsto polo modelo de monte do Plan Forestal de Galiza de 1992”, di.  Malia admitir unha expansión “excesiva”, a Xunta tamén asegura que “non é posíbel reducir a súa ocupación actual con carácter retroactivo”. Como moito hai que aspirar a “limitar a súa expansión”.  Noutras palabras, temos eucalipto de máis e non fomos capaces de controlalo, mais hai que apandar con el.

 

 

“Son bágoas de crocodilo”, sentencia Fins Eirexas (ADEGA). O secretario executivo do maior grupo ecoloxista galego cre que “a Xunta recoñece o seu propio fracaso como irreversíbel, amosando escasa ou nula intención de planificar accións”, malia que o propio PP promoveu normas para controlar as plantacións. Por que non as aplica e as inclúe no plan?  “O seu cumprimento poría en serios apuros o negocio pasteiro-enerxético, quérenos vender os feitos como irreversíbeis, como se o eucalipto fose un andazo divino”, entende Eirexas.

 

Desde a Asociación Sectorial Forestal Galega (ASEFOGA) tamén se sinala que “está claro que hai eucalipto onde non debería de estar, como nas terras agrarias, a pesar de que non é legal plantalo, e haberá que facer cumprir a lei”, di o secretario deste colectivo próximo a Unións Agrarias. Jacobo Feijóo lembra que “coa lexislación actual, o eucalipto só podería estenderse en zonas de monte ermo, ou ben cando se cortase unha plantación de piñeiros, substituíla”. Desde outro colectivo, Manuel Da Cal, coordenador da FRUGA, apunta algo similar: “a Junta de Galiza com cumprir e fazer cumprir a sua própria lei já estaria a reduzir as plantações ‘ilegais’ de eucalipto”.

 

[A reportaxe íntegra, unha dupla páxina, tela no Sermos Galiza 278, á venda na nosa loxa e nos quiosques habituais]