Debate sobre o presente e futuro do modelo enerxético para Galiza e Europa

Central de enerxía nuclear

Economistas, investigadores, cooperativistas e movementos sociais toman parte nas xornadas, que decorrerán na Estrada esta fin de semana, organizadas por AGEe.

“Estase a dar un debate moi importante a nivel da Uinión Europea en relación ao modelo enerxético; Juncker quere impulsar nesta lexislatura o Mercado Único Enerxético, unha proposta que vai ter grande impacto en toda a poboación europea pero do que a cidadanía carecemos de información suficiente". Lidia Senra, eurodeputada da Alternativa Galega de Esquerdas en Europa (AGEe), advirte da necesidade de coñecer o que está en xogo neste debate. Para informar, este sábado, 23 de abril, AGEe e o GUE/NGL impulsan a xornada aberta 'Presente e futuro enerxético de Galiza no contexto europeo”.

"Ao igual que o dereito á alimentación debería prevalecer por riba da produtividade comercial, todas as persoas deberiamos ter garantido uns mínimos de acceso á enerxía que nos asegure unha calidade de vida óptima", reivindicou a eurodeputada galega. Sen embargo, a día de hoxe "a distorsión dos intereses de mercado é tan grande que atopamos situacións inxustificábeis como que na Galiza, un País produtor de enerxía, moitas persoas non poidan acender a calefacción todo o tempo que precisan no inverno".

Lídia Senra e Mar Casais -voceira de Móvete-Movemento Veciñal Estradense e concelleira na Estrada- serán as encargadas de abrir as xorn adas, que se van estruturar en torno a catro paneis temáticos.

O primeiro debate será 'O modelo enerxético. Visión global da situación acdtual. Insustentabilidade e transición enerxética'. Na que toman parte o profesor de Economía Aplicada da USC e Vicepresidente de Véspera de NadaXoán Doldán e o investigador da USC e membro de Verdegaia, Miguel Pardellas. A deputada no Parlamento español por En Marea, Alexandra Fernández, será a encargada de realizar a moderación.

A través de Alfons Pérez, encargado de Monitorización das Políticas de Seguridade Enerxética da UE no Observatori del Deute en la Globalització, e ca introdución e moderación de Lídia Senra, achegarémonos á 'Unión da enerxía'.

A sesión de tarde centraranos no contexto e nas propostas enerxéticas a nivel galego. Será a través das Doutoras en Economía Rosa Regueiro -profesora de Economía Aplicada da Universidade da Coruña- e Natalia Fabra -profesora da Universidade Carlos III e Premio Sabadell-Herrero á investigación económica-.Este panel será introducido e moderado polo deputado de AGE no Parlamento Galego, Juan Fajardo.

Antón Sánchez, deputado de AGE tamén no Parlamento Galego, coordenará a derradeira mesa, que se centrará na exposición de experiencias prácticas. Así, coñeceremos o proxecto cooperativo de orixe catalá Som Energía da man da súa presidenta, Ana Marco; e do coordinador de Som Enerxía GalizaDaniel Espinheira. A continuación afondaremos tamén na traxectoria, obxectivos e funcionamento de Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega, que será presentada polo seu presidente, Pablo Álvarez; e o proxecto cooperativo de orixe vasca Goiener, será dado a coñecer da man do seu director, Santiago Ochoa de Eribe.