O debate sobre a mina de Touro chega a Bruxelas

Parlamento Europeo
A Comisión de Peticións da Comisión Europea escoitará ás queixas dos representantes da plataforma Contraminacción sobre a mina de Touro.

Varias representantes das distintas organizacións que integran a plataforma Contraminacción defenderán esta segunda feira ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo a súa oposición ao proxecto da empresa Cobre San Rafael de explotar unha mina de cobre a ceo aberto no concello de Touro, ao tempo que criticarán a falla de transparencia da Xunta no procedemento. 

O Parlamento admitiu tratar esta problemática atendendo as directivas que obrigan a que as autoridades competentes garantan que os residuos de extracción se xestionen dun modo que non supoñan risco para a saúde das persoas ou métodos que poidan danar o medio ambiente, e outra que esixe ás autoridades competentes determinar as repercusións da actividade humana no estado das augas superficiais e das augas subterráneas.

Visita á mina de Touro

Dende a plataforma sinalan que «se nin en máis de dous anos de tramitación do novo proxecto extractivo, nin en máis de trinta desde o cesamento na actividade mineira, as autoridades galegas e españolas non souberon ou non quixeron poñerlle remedio a unha situación xa insustentábel de grave dano ao medio ambiente, terá que ser a Unión Europea quen tome cartas no asunto».

Neste senso, reclaman ao Parlamento Europeo que envíe unha "Fact Finding Visit" ou visita de investigación a Galicia para poder inspeccionar in situ «a situación de deixamento na que a nosa Administración tennos sumidos».