Debate sobre a liberdade de expresión no Estado na Eurocámara

A nai dun rapeiro: "Tamén deberían condenarme a min por criar o meu fillo para ser crítico e libre”

Un momento da palestra

Crónica de Tamara M. Pastoriza sobre a xornada que decorreu en Bruxelas sobre os ataques á liberdade de expresion no Estado español, organizada pola eurodeputada do BNG Ana Miranda. 

A conferencia sobre os ataques á liberdade de expresión e de prensa que se producen no estado español -organizada polo grupo ALE-Verdes do que fai parte o BNG e coordinada pola eurodiputada nacionalista galega Ana Mirada- reuniu en Bruxelas distintas voces do xornalismo, da arte e do activismo político e social. A palestra foi un clamor: no Estado español hai represión. Unha represión, denunciaron, amparada pola propia UE. Á cita presentáronse tamén unha morea de medios españois desexosos de atoparse co rapeiro Valtonyc, fuxido da xustiza española. Algúns deses medios, lonxe de interesarse polo recorte en liberdades do que se estaba a tratar no Parlamento, marcharon ao decatarense de que o intérprete mallorquín non se atopaba fisicamente. Quen si estivo na conferencia foron persoas do seu grupo de apoio.

 

Ana Miranda abriu a xornada lembrando Suso Vaamonde, cantautor galego represaliado no ano 1979 por mor dun retrouso cantado nun festival antinuclear en Pontevedra, un Vaamonde que tivo que exiliarse durante catro anos. “Estamos no 2018 e seguimos tendo persoas no exilio: presos políticos, periodistas, escritores e rapeiros, persoas que por expresarse son condenados e minimizados”, explicou a eurodiputada, quen tamén lle adicou o acto ao recén falecido e xornalista Ramón Chao: “Para vós van as nosas primeiras palabras”.

 

O evento contou coa participación dos eurodeputados Jordi Solé e Josep-Maria Terricabras, representantes de Esquerra Republicana de Catalunya e que coorganizan esta xornada xunto con outros eurodeputados do grupo Verdes-ALE. Ambos referíronse a que sendo a UE en teoría o espazo máis "avanzado na protección dos dereitos básicos", logo result aque inclúe no seu seo "algúns estados membros" onde se están a producir  “derivas preocupantes en materia de dereitos fundamentais nalgúns estados membros”, dixo Solé.

 

Lei Mordaza

 

A xornalista Beatriz Talegón analizou durante a súa intervención os tres puntos fundamentais nos que está asentada a regresión de dereitos que se vive no Estado español: Lei Mordaza, modificación do código penal do ano 2015 e a practicamente libre interpretación que se fai en sede xudicial das normas existentes. Talegón insistiu na ausencia dunha separación real de poderes, especialmente despois da reforma no 2015 do artigo 92.4 da Lei Orgánica do Tribunal Constitucional, “unha porta aberta pola parte de atrás que lle outorga capacidade de sancionar e executar as súas propias sentencias” e que mesmo foi criticado polo propio tribunal.

 

Tamén criticou o férreo control administrativo que impón a Lei Mordaza, un texto coloca a presunción de inocencia das e dos cidadáns por debaixo da suposta veracidade dos testemuños dos membros dos corpos e forzas de seguridade do estado sobre a presunción de inocencia das e dos cidadáns. E ofereceu un dato alarmente: nos sete primeiros meses de aplicación desta lei foron máis de 10.000 as sancións impostas por faltas de respeto á autoridade ou por desobediencia civil.

 

“Poder antidemocrático”

 

O escritor Suso de Toro abriu a súa quenda lembrando a catástrofe ecolóxica do Prestige, “un episodio no que comprobamos como os medios empregados por parte dun poder antidemocrático sufocaron, ocultaron e illaron a existencia do problema a unha sociedade galega que tentaba actuar para defenderse”.

 

Suso de Toro: "Un estado non é un estado de dereito simplesmente por ter leis, xuíces e fiscais"

 

Tamén en relación á non separación de poderes, o autor de Fóra de Si, a súa novela máis recente, asegurou que “un estado non é un estado de dereito simplemente por ter leis, xuíces e fiscais”. “Iso existía con Franco, co que tamén había un tribunal de orde pública agora chamado Audiencia Nacional. Segue habendo as mesmas estruturas”, dixo, acusando a dereita española de recuperar a forma que eles consideran “natural ao estado”. O escritor tamén tivo palabras para o pobo catalán, “unha cidadanía estigmatizada por discrepar e manter a súa reivindicación”.

 

Xornalistas

 

O segundo panel, centrado na persecución xudicial contra a libre expresión de opinión na rede, contou coa testemuña de Álex García, administrador da canle de Youtube Resistencia Films sobre o que pesa unha causa por suposto enaltecemento do terrorismo, e de Boro, xornalista en medios como Kaosenlared e La Haine, acusado ademais disto por agresión a axentes da autoridade mentres cubría unha manifestación contra a monarquía en Madrid.

 

“O único terrorismo que coñezo é o que despexa familias, o que asasina con longas listas de espera nos hospitais, que condena a condicións de escravitude á clase obreira e a prisión por expresarnos e que xera guerras noutros países para saquealos. Na miña canle só se enaltece o amor aos oprimidos e o odio ás inxustizas”, dixo Álex García, que se enfronta a unha petición de pena de dous anos de cárcere.

 

Álex García, de Resistencia Films: “O único terrorismo que coñezo é o que despexa familias, o que asasina con longas listas de espera nos hospitais"

 

Boro LH mencionou o caso do xornalista navarro Miguel Angel Llamas “Pitu”, que pasou ano e medio en prisión por participar nun medio de comunicación pechado pola Audiencia Nacional, causa que, máis tarde, foi arquivada pola falta de probas. Un bon exemplo da impunidade coa que a xustiza pode actuar. Boro -condenado a un ano e seis meses de prisión pola Audiencia Nacional por “enaltecemento do terrorismo” polo simples feito de compartir publicacións na súa conta Facebook- explicou a perigosidade de opinar no Estado español, “sempre e cando se difira do goberno”. Un fenómeno que, por outra parte, xulga como unha “consecuencia da propia historia do Estado español”.

 

Hasél

 

O rapeiro Pablo Hasél tamén puido explicar como a Policía Nacional rexistrou o seu domicilio no ano 2011: fóronllle “secuestrados” desde libretas até libros que falan de comunismo, fotografías, ordenadores, camisetas con mensaxes de “liberdade presos políticos”, así como os aparatos electrónicos dos seus pais e irmás, feito que comparou coas actuacións da Gestapo nazi, “e todo por facer cancións contrarias ao réxime”, explicou

 

Valtonyc e o colectivo musical La Insurgencia, con até doce persoas condenadas a dous anos de cárcere, estiveron representados polos seus grupos de apoio. Ariadna Suaria, portavoz do grupo de apoio a Valtonyc, quixo resaltar que os delitos de enaltecemento de terrorismo non son máis que “simples delitos de opinión empregados como caixón de sastre” para perseguir colectivos minoratarios e desfavorecidos, resaltando que unha terceira parte deste tipo de delitos sexan “tuits, retuits e brincadeiras”.

 

La Insurgencia

 

Elena López, nai dun dos membros de La Insurgencia acusado de enaltecemento de terrorismo, explicou, en ton irónico, como a xustiza española estaba a ficar curta por non ingresar nos cárceres os pais e familias que educan para ser críticos e libres: “Sempre lles dixen aos meus fillos que calquera idea se pode defender coa palabra e el, que ao parecer é guiado, faime caso e agora estamos como estamos. O Estado español debe condenarme por criar ao meu fillo para ser crítico e libre”, explicou.

 

 

 

O xornalista e escritor Aníbal Malvar fixo fincapé na ignorancia dunha enorme parte da poboación española en relación á persecución que existe por mor da imaxe que se está dando “desde os grandes medios”. O xornalista apelou á coordinación entre os xornais de esquerdas para cambiar esta deriva nas correntes de información, “e que casos como o de Valtonyc deixen de ser unha anécdota. Agora parece que si o é porque está fuxido, pero tardou moito en selo. Non o esquezamos”, concluíu.

 

Jean Quatremer: "A Comisión Europea é unha fábrica de fake news"

 

O xornalista francés Jean Quatremer, especializado en cuestións europeas, explicou como desde Bruxelas, “a pesar de non xogar a cabeza no seu traballo”, é moi difícil exercer o seu labor debido aos atrancos que as institucións poñen á libre transmisión de información: “A Comisión Europea é unha fábrica de fake news. Minte continuamente, como por exemplo misturando euros correntes e constantes, confundindo os dados sobre os recortes nas axudas aos agricultores e as rexións máis pobres. Son fake news institucionalizadas e os xornalistas acabamos sendo cómplices porque a competencia é voraz e non hai tempo de análise”.

 

CRTVG

 

O último panel acolleu as intervencións de varios membros do Comité Intercentros da CRTVG, cuxo presidente Raimundo Méndez (UXT), explicou como o “favoritismo empresarial” exercido desde o goberno da Xunta vén producindo grandes desviacións a respeito da misión que un servizo público como a CRTVG ten encomendadas. Esta manipulación continuada dos programas informativos, ben como a vulneración dos principios de veracidade e obxectividade. póñense de relevo con casos como o do 26 de xullo de 2017, data da comparecencia de Mariano Rajoy polo caso Gürtel, totalmente encuberta no medio público.

 

Tal e como explicou Xesús Domínguez (CC OO), os informativos do mediodía da Radio Galega abriron ese día cunhas declaracións de 1998 nas que o xa ex presidente Felipe González comparecía nun xulgado para explicar a investigación polo presunto financiamento dos GAL con fondos do Ministerio de Interior. Andrea de Francisco (CUT) tamén quixo sinalar a precariedade que supón que todo o departamento encargado do tratamento da información na web da CRTVG estea composto por redactores e redactoras en prácticas.

 

Manuel Cereijo (USO) denunciou a eliminación do 'Diario Cultural' na RGG e o feito de que na TVG só existe un programa cultural, o Zigzag. Na súa quenda, Tiago Alvite (CIG) alegou que o contexto "xurídico-político" que permite a "manipulación informativa" nos meios públicos é o "sistemático incumprimento" das medidas previstas na lei dos meios públicos da Galiza, disposicións legais que en teoría deberían garantir a independencia da CRTVG a respeito do poder executivo.

 

A actriz Isabel Risco pechou a xornada co poema A xustiza pola man de Rosalía de Castro, non sen antes reivindicar a memoria doutras mulleres galegas, como María Soliño ou María Castaña, unha historia que, para esta activista política, fica “aniquilada dentro do coñecemento xeral do Estado español”. Risco tamén quixo deixar patente no Parlamento que o pobo galego, lonxe de ser submiso e calado, é loitador, algo do que deron boa mostra os xornalistas da CRTVG que se desprazaron até a capital comunitaria para reivindicar os seus dereitos.