O DEBATE | É o Nadal unha festa para todos e todas?

O centro de Vigo, colapsado pola afluencia de visitantes durante o último Nadal. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)

Eva Pazos, Comercio aberto

ONadal é unha época distinta, para ser sinceros moi distinta,  ao resto do ano e éo por toda unha serie de factores, desde os días festivos ata as reunións familiares, desde as compras ás celebracións de ami-gos, o ambiente festivo nas rúas, a decoración, a iluminación. Si, é Nadal e á gran maioría da sociedade gústanlle estas datas e estas celebracións, independentemente da connotación relixiosa, que poida ter e que cada quen asume ou non como queira.

É tamén, unha época fundamental para un sector moi importante, como é o do comercio. Segundo a empresa de talento líder no mundo, Randstad, prevese que o Nadal xerará en Galicia máis de 18.400 contratacións. Por sectores, prevese un impulso na contratación do hostaleiro, que repunta xunto ao aumento do turismo estranxeiro e local, e en comercio.

As pequenas e medianas empresas (pemes), que son o núcleo comercial de Galicia, son as que máis ven en decembro un período de oportunidade que non se pode deixar escapar. Mesmo nalgunhas ocasións o último mes do ano é o que lles permite pechar o exercicio con beneficios. O consumo das familias increméntase notablemente, como consecuencia de factores como os ingresos extraordinarios (paga de Nadal, por exemplo). Decembro é, para a maior parte de negocios, o mes de maiores vendas e rendibilidade do ano. Sen eses ingresos, para moitos sería moi difícil cadrar as contas sen botar as mans á cabeza.

España, aínda que con moitas contradicións, é un país onde ten peso a cultura católica, con multitude de tradicións e costumes derivadas desa crenza, sen que iso represente imposición algunha para ninguén. A transformación da sociedade, probablemente, cambiará este escenario e dun modo pacífico, non fundado en reivindicacións, a paisaxe do Nadal experimentará cambios na rúa e nos propios fogares. É a evolución, non ningún problema. Como non debe de ser un problema que, actualmente, o Nadal sexan unhas festas nas que as rúas se enchen de música, luces, animación e xente. Unhas festas nas que as administracións tamén se implican, como o fan en tantos outros eventos culturais e deportivos. Se a min non me gusta o fútbol, debería criticar ao  meu Concello por destinar diñeiro a un torneo coa participación de diferentes equipos? 

O debate sobre o Nadal en Galicia quedou desde hai uns anos moi mediatizado polo que acontece en Vigo, e o debate céntrase sobre as molestias á veciñanza, o diñeiro que se inviste, o retorno, a publicidade que se xera... Pero na maioría das cidades e vilas galegas a realidade destas festas non é o de Vigo. É un nadal que convive perfectamente con todos, sen problema ningún. 

Unhas festas que coas súas compras, coa súa música, coa súas luces, dan vida nas rúas e prazas a moitas vilas que nestas datas parecen revivir, tamén da man do retorno de moitos que o resto de ano teñen que estar fóra. O Nadal é especial porque moitos o fan especial.


Alberto Gómez, Plataforma polo Laicismo

Nos primeiros anos do cristianismo a Pascua era a celebración principal (A conmemoración da paixón, morte e resurrección de Cristo), o nacemento de Xesús non era celebrado. No século IV, cando o cristianismo se converteu na relixión máis popular do Imperio romano, os líderes da igrexa decidiron instituír o nacemento de Xesús como unha festa oficial, malia que a Biblia non menciona unha data para o nacemento. Con todo, o bispo de Roma Xulio I estabelecería o 25 de decembro como data de celebración do Nacemento de Cristo para toda a cristiandade. Si, para “toda a cristiandade”. E os que non somos "cristiáns"? Pois, mellor ou peor, temos que convivir cunhas festas nas que as institucións públicas tamén se mergullan alegremente en toda a iconografía católica.

A paisaxe de Nadal enche rúas e prazas de cidades e vilas: panxoliñas e canciónsa atronar por altofalantes en rúas e comercios, beléns públicos, cabalgatas de reis.... Relixión e consumismo da man, co apoio económico e loxístico, ademais de coa beizón, das Administracións públicas. Un estado aconfesional non debe promover ningunha relixión a colonizar os espazos públicos. Entendo que son datas especiais e que moita xente non crente, tamén as celebra.  Eu mesmo podo gustar de certos aspectos. Pero, non deberiamos empezar a reflexionar sobre a pervivencia  da importante relixiosa (católica) que as institucións manteñen nas programacións destas datas? Na desmesura na que xa se entrou nestes anos de gastar millóns de euros de diñeiro público en iluminación, en equipos de música a todo volume nas rúas?

En Francia, chegadas estas datas, torna a controversia pública anual sobre o Nadal. É lícito instalar árbores adornadas e luminosas en sitios públicos? E nacementos? É lícito que haxa diñeiro público para esas fins? Un debate que non existe ao sur dos Pirineos

Na bendición ‘urbe et orbi’ do Papa Francisco dixo que “sen Xe-sús o Nadal está baleiro”; unha declaración que resume á perfección a tentación do catolicismo que pretende identificar a crenza na súa dogmática como a única moral posíbel, como ten reflexionado un dos nomes de referencia do laicismo no Estado, Antonio Gómez, “relegando aos non cristiáns á vacuidade moral”. Por iso, a igrexa católica sempre fuxiu daquelas manifestacións profanas destas festas e o seu interese en poñer beléns en todo tipo de espazo públicos: en escolas, en concellos, en parques, etc... e tamén está moi interesada, nestas datas, en exhibir, e resaltar "a caridade católica".

Particularmente, nestas datas, os alcaldes compiten entre eles en visitar albergues católicos de pobres ou residencias católicas de anciáns nas ceas de nadal . En xeral todas as Administracións públicas préganse ao interese do predominio da simboloxía católica nestas festas mesmo adaptando a grella da programación da televisión pública ao calendario ritual católico. O importante é que esa simboloxía estea en todos lados e que nos convenzan xa desde nenos de asociar estas datas non coa vida, senón con deus.