O debate da CRTVG, máis decisivo ante o alto número de indecisas

Debate galegas 2016
Con 3 de cada 10 galegas e galegos sen aínda decidiren por quen votar o 12-X, segundo as enquisas, vólvese aínda máis crucial o debate electoral que a CRTVG emitirá por radio e televisión a segunda feira, 29 de xuño. A contenda pode ser decisiva para decantar a balanza a prol dunha nova maioría absoluta para o PP ou dunha alternativa que, segundo os inquéritos, liderarían Gonzalo Caballero (PSdeG) ou Ana Pontón (BNG).  

Ás 21.30 horas da segunda feira, 29 de xuño, dará inicio o único debate que o medio público galego organiza coas e cos candidatos a presidir Galiza. O encontro dividirase en catro grandes bloques temáticos: a xestión do coronavirus, a nova normalidade e a reconstrución; políticas económicas, industriais, orzamentarias e fiscais; políticas sociais e de benestar, educación e sanitarias; e modelo institucional, pactos, gobernabilidade e o papel da Galiza no Estado.

As condicións do debate foron pactadas o pasado 22 de xuño por representantes das sete forzas políticas que a CRTVG convidou a participar. Estes son os candidatos e a candidata do que se denomina como "grupos representativos" (Partido Popular, Marea Galeguista, Partido Socialista e Bloque Nacionalista Galego) e os chamados "grupos significativos" (Galicia en Común, Ciudadanos e Vox).

O debate das anteriores eleccións galegas, en 2016, foi determinante para o BNG, xa que conseguiu posicionar a súa candidata, daquela tamén Ana Pontón, no cara a cara contra Alberto Núñez Feixoo, conseguindo a nacionalista centrar a súa posición como alternativa ao PP. Analistas coincidiron en situar aquel debate como crucial para o BNG lograr a súa recuperación electoral naqueles comicios.

"Estou desexando que chegue a segunda feira", afirmou onte a nacionalista en referencia á súa participación no debate. Conscientes da relevancia deste espazo tamén son no PSdeG, cuxo líder, Gonzalo Caballero estréase como candidato. O socialista ten táboas en platós de televisión e mesas de análise e debate, mais verase a segunda feira se o feito de non ter entrado no Parlamento até xuño do pasado ano e de non ter sido nomeado portavoz do seu grupo na Cámara até decembro pasará factura á hora de confrontar con Núñez Feixoo.

O debate tamén será determinante para Galicia en Común poder reverter as enquisas, que a colocan por detrás do Bloque e do Partido Socialista; e para situar o seu líder, Antón Gómez-Reino, na pugna por presidir o país. Reino si ten experiencia no debate parlamentar, pois leva catro anos como deputado no Congreso.