O DEBATE | Cales son as causas que explican a falta de pediatras na Atención Primaria galega?

192 concellos galegos carecen de servizo de Pediatría. (Foto: Europa Press)
As protestas pola ausencia de pediatras sucédense en toda Galiza. Nestes dous artigos achéganse chaves e perspectivas para analizar a problemática.

Vanesa Viquendi, voceira de Pediatras e matronas xa

En Galicia a situación pediátrica actual en atención primaria é caótica, máis da metade dos concellos galegos non dispoñen de atención pediátrica nos centros de saúde e a maioría deles atópanse no rural, ante esta situación (entre outras, pois en materia de educación acontece algo parecido) leva as familias a tomar a decisión de mudarse cara as zonas urbanas en busca de servizos, pois non se pode prescindir da sanidade e menos no caso das crianzas, isto a súa vez provoca tamén colapsos nas consultas pediátricas dos centros de saúde nas cidades, polo tanto estamos nun momento moi delicado para a sociedade galega en materia de saúde infantil.

As causas que nos levaron a esta situación son a deixación, a falta de previsión (intencionada ou non) da administración en concreto do Servizo Galego de Saúde (Sergas), a taxa de reposición fixada polo Goberno do Estado Español, que durante o Goberno de Mariano Rajoy se baixou até o 10%, o que significa que por cada 10 pediatras que se xubilen só se saca a concurso público unha praza, perdéndose  nove de cada 10 pediatras, ou a falta de medidas de “discriminación positiva” o que significaría adecuar as ratios (o número de nenos e nenas por  pediatra) en función da poboación.

Isto  quere dicir que si nunha cidade un pediatra atende a un número determinado de nenos e nenas e no rural atende a metade ou a cuarta parte, debe de manterse igualmente a praza, cumprindo o principio de equidade para respectar o dereito a sanidade especializada  das crianzas, non aplicar estas medidas significa xerar desigualdades e discriminación cara as crianzas do rural galego.

Deixar de utilizar a médicos de familia, con ou sen curso de puericultura, como pediatras para darlle gato por lebre as familias, pois nin sequera sabemos si quen atende a noso fillo ou nosa filla é un pediatra, un médico de familia cun curso de puericultura o un médico de familia sen ningún tipo de formación adicional en saúde infantil.

Fomentar entre a xuventude a especialización de Pediatría resulta fundamental así como  ofertar todas as prazas acreditadas polo Ministerio de Sanidade do Goberno central.

A corto prazo é necesario axilizar os concursos de méritos en Pediatría ofertados pola Xunta da Galiza (aínda que sexan un pan para hoxe e fame para mañá), pois aínda non se incorporaron profesionais en moitas das prazas ofertadas.


Ana María López Vázquez, pediatra e delegada de Atención Hospitalaria en SIMEGA-CESM

Como é posible que co gran avance da Pediatría nas últimas décadas, co acceso á vacinación universal e á atención especializada desde primaria haxa cada vez máis pacientes nas consultas de Pediatría?

A evolución social á que asiste Galicia desde finais do século XX levou á incorporación dos nenos ás garderías a idades cada vez máis temperás, situación que contribuíu á proliferación de episodios infecciosos entre os máis pequenos.

De forma paralela, parece que o frenético ritmo da sociedade empúxanos a un consumismo compulsivo do que non escapan os servizos sanitarios. Se antes non se acudía ao pediatra ante unha doenza leve, agora durante un mesmo episodio médico é frecuente acudir 2 ou 3 veces.

Hoxe non hai máis nenos nin máis pediatras en Galicia que a finais do século XX, con todo as consultas están saturadas, a falta de tempo impide prestar a adecuada atención por parte do médico ao paciente e a situación provoca cadros de estrés e ansiedade nos profesionais.

O obxectivo do sistema sanitario debe ser a medicina baseada no valor, poñendo ao paciente no centro do sistema e empoderándoo, facéndoo partícipe e responsable da mellora continua do sistema sanitario. Para iso é imprescindible unha adecuada educación sanitaria, que leve ao cidadán e ao facultativo a actuar con corresponsabilidade, acudindo aos servizos médicos cando é realmente necesario, e con políticas sociais que orienten cara a un uso responsable do sistema.

A medicina baseada no valor debe entenderse como a oportunidade de ser atendido en tempo e forma cos mellores recursos cando un usuario o requira para así restablecer a súa saúde canto antes. E para iso as consultas e as urxencias non poden estar saturadas con casos que non precisan unha atención médica. Ademais, os profesionais podemos achegar propostas de solucións a esta situación porque estamos en contacto directo cos pacientes, coñecemos as necesidades reais e as dificultades para solucionalas. A solución debe de ser multidisciplinar e sentimos que a escoita por parte dos directivos non é unha escoita activa.

Os recursos humanos son limitados. De pouco valen as políticas dirixidas a formar especialistas, se unha vez terminada a súa formación os contratos que se ofrecen son dunha precariedade laboral e cunha carga de traballo totalmente incompatible cunha adecuada calidade asistencial e saúde laboral.

Os pediatras somos só un exemplo do descontento xeral dos médicos, profesión entre a que aumentou de maneira significativa a emigración a outros países con mellores condicións laborais e, entre os que quedan, a Síndrome de Burnout, outra das causas de falta de profesionais médicos.

Claramente hai un problema e apuntamos o seu posible tratamento. A toma de decisións non corresponde aos facultativos, pero SIMEGA-CESM sempre está disposta a achegar as propostas que considere oportunas para mellorar a calidade asistencial.