Apupan a Jesús Vázquez no acto inaugural do ano académico por ''afogar'' o ensino público

Ducias de persoas concéntranse diante da reitoría da UdC para se queixaren da presencia do presidente da Xunta no acto de inicio do curso académico, ao responsabilizalo ''de que o sistema universitario galego estea afogado''. Feijóo 'esquece' asistir

"Isto está cheo de policías e trátannos como delincuentes". Así describiu Inma García, dos Comités, o escenario en que esta sexta feira esta organización estudantil protestou contra a presencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, na inauguración do ano académico na Universidade da Coruña.

A acción, que contou co apoio e participación da Plataforma galega en defensa do ensino público, supuxo a volta ás rúas para este colectivo que se conformou en abril para dar unha resposta conxunta ás políticas de recortes e agresións emprendidas desde os gobernos galegos e español e que puxeron en xaque dúas cualidades da educación: pública e gratuíta.

Mais, finalmente, Feijóo non apareceu pola reitoría da UdC, onde ducias de persoas agardaban por el ao berro de Escoita, o ensino está en loita. Só o titular de Educación fixo parte da actividade prevista para a xornada inaugural.

Ao entender de García, ambos os dous son "os culpábeis principais de que o sistema universitario galego estea como está, afogado", polo que decidiron concentrarse para manifestarlles publicamente o rexeitamento á súa presenza no acto convocado na Coruña e pedirlles que lle quiten as mans do pescozo ao ensino público. Algunhas persoas lograron acceder á sala onde estaba Jesús Vázquez, onde lle lembraron que 'o ensino é un dereito, non un privilexio'.

A suba das taxas, incrementando nunha media de 1.000 euros as matrículas universitarias e endurecendo as condicións para acceder a unha bolsa de estudos; o incremento das ratios por aula e o despedimento de 2.500 docentes en toda a lexislatura; un ataque brutal contra a nosa lingua que deixou nun escaso 20% a porcentaxe de aulas en que aínda se ouve; a supresión de unidades e centros de educación infantil mentres se crean 16 novas na privada e se reparten 3 millóns de euros entre cinco colexios que segregan por sexos; a rebaixa no salario do persoal docente, o empeoramento das súas condicións laborais, a retirada da paga extra de decembro ou a decisión de que non se cubrirán as baixas durante os 10 primeiros días.

As enumeradas no parágrafo anterior son só algunhas das moitas agresións perpetradas no ensino público até colocalo nunha situación tal que docentes sen emprego remunerado se ofrecen para traballaren gratis nas escolas do rural.

Sermos Galiza repasa o panorama en que arrinca o novo ano académico no nº14 do seu semanario, onde informa tamén das dúas seguintes accións que emprenderá a Plataforma galega --integrada por Comités, Liga estudantil, Galiza Nova, BNG, AS-PG, CIG-Ensino e as ANPAS de Compostela, Lugo e Ferrolterra.

Así, o 12 de setembro estarán no Obradoiro para recibiren @s 'peregrinas' da montaña e do rural de Lugo e Ourense e camiñar canda el@s até San Caetano, cadrando co inicio do curso escolar na primaria. E o 17, día en que comeza a actividade lectiva en secundaria, a plataforma realizará máis unha concentración diante da consellaría de Educación, tamén en Compostela.