David Rodríguez e Javier García: "As análises de Castelao e Blas Infante seguen vixentes"

David Rodríguez e Javier García esta sexta feira en Compostela. (Foto: Arxina)
Castelao e Blas Infante partillaron máis que a época que lles touco vivir. Ambos os dous, un na Galiza e outro en Andalucía, desenvolveron un pensamento político con epicentro nas súas nacións. O ensaísta David Rodríguez e o historiador Javier García analizan ambas as dúas figuras nuns encontros organizados pola Fundación Galiza Sempre.

Nación e Liberdade. Daniel Castelao e Blas Infante é o título destes encontros organizados pola Fundación Galiza Sempre e nos que participan David Rodríguez e Javier García, ambos os dous colaboradores tamén de Nós Diario. O primeiro dos encontros decorreu onte en Compostela, e ten continuidade hoxe en Vigo (Libraría Cartabón) e mañá na Coruña (A.C. Alexandre Bóveda).

Que hai de vixencia no pensamento de Castelao e Blas Infante?

David Rodríguez: Boa parte da análise que Castelao fai, sobre todo do Estado español, segue vixente. Máis se cabe agora que volven aparecer tendencias reaccionarias históricas no Estado español, que na época da transición e anos seguintes. Castelao reaccionou contra esa tentativa de construír un estado desde arriba, á marxe e sen atender a realidade material dos pobos.

Javier García: Interésanme Castelao e Blas Infante como persoas que puideron imaxinar a nación desde momentos moi temperás e que os proxectos políticos nacionalistas hoxe aínda lle deben ao legado destes pensadores, tan importantes porque anticiparon o que despois ían ser movementos populares, nacionais de máis envergadura.

Son os dous, Castelao e Blas Infante, figuras sometidas a unha certa 'canonización'. O Goberno galego declarou 2025 como Ano Castelao.

D.R.: O que pasa coa figura de Castelao e o que pasou en xeral nestes anos con toda a tradición do galeguismo é o que pasa coas institucións autonómicas que temos. Hai unha institucionalidade, que pode ser insuficiente, pero que o nacionalismo aínda nin sequera puido exprimir, e que está secuestrada en mans de xente que non só non cre nelas senón que mesmo a combate. Castelao é nese sentido unha figura secuestrada. A dereita optou por ‘santificalo’, apela ao Castelao artista e á súa figura de pai do país mais sen substancia concreta. Oculta o Castelao político, porque aí non hai nada de vaporosidade, está moi claro o que el pensaba. O problema con Castelao é o problema que temos co país en xeral, un país onde os que cren nel non acadaron o poder e os que están no poder non cren nel. 

J.G.: O PSOE, por dicilo así, cooptou o legado de Infante e tratouno de presentar como un rexionalista, case que provinciano, unha imaxe edulcorada.  Hoxe, o Goberno da dereita en Andalucía está a xogar esa baza do Blas Infante rexionalista e non nacionalista, que é o que era. Ao igual que fan aquí con Castelao.

Tomando o legado de ambos os dous, que papel deben xogar os nacionalismos, galego e andaluz, no escenario actual?

D.R.: Unha tarefa para mañá para o nacionalismo galego? Aspirar a conseguir a Xunta da Galiza, creo que iso é fundamental. É un resorte, con todas as eivas que se queira, pero que permite actuar fronte a esa apisoadora que está a ser Madrid, que é un refuxio do estado duro. Máis que nunca hai que estar neses contrapesos institucionais do autogoberno galego, que son as trincheiras que hai, e se esa trincheira é a autonomía, hai que ocupalas para, a partir de aí, ir avanzando a outras etapas.

J.G.: Nos debates para a reconfiguración do Estado español falta a pata do sur da Península. O andalucismo está a reconstruírse e redifinirse, o que é fundamental para que haxa unha reforma do Estado en clave progresista. Hai que ir a unha verdadeira descentralización e Andalucía ten que ser clave. Neste sentido, creo que se debe dar un diálogo entre Andalucía e a Galiza o que permita anular o centro, ir máis aló, intentar un verdadeiro confederalismo democrático.