David Bowie, en InstaMiniSeries

O último disco lanzado por David Bowie serve de inspiración para unha serie de pequenos vídeos producidos para o Instagram.

Blackstar é o título do derradeiro disco na carreira dun cantante que a revista Rolling Stone situou no posto 39 dos cen artistas de rock máis importantes de todos os tempos e no número 23 dos mellores cantantes. O disco saíu á venda o 8 de xaneiro, dous días antes da morte de Bowie, o pasado día 10 de xaneiro e xa daquela podiamos ver un videoclipe que presentaba un David Bowie fráxil que convulsiona na cama dun hospital e que foi interpretado como unha especie de sinal que anunciaba que o cantante estaba a facer unha especie de despedida ("olla aquí, eu estou no ceo", di no vídeo).

InstaMiniSeries é un canal que produce pequenos vídeos. Nesta ocasión serán dezaseis mini producións as que contarán con interpretacións visuais do álbum de Bowie. As curtas están protagonizadas por Tavi Gevinson e Patricia Clarkson e comezaron a se emitir na pasada quinta feira día 25.

A serie titúlase Unbounnd e, nun comunicado, o canal afirma que Bowie concordou coa realización da serie sen impor límites nin condicións previas e que lle deu acceso á música antes do lanzamento do disco. A idea, di o InstaMiniSeries, é “levar o público a unha viaxe de imaxes evocativas inspiradas polos humores suxeridos nas músicas, letras e arte do álbum”