LUMES

Os datos oficiais afirman que xa se queimaron 2.200 hectáreas no que vai de ano

Brigadista

O incendio de Vilamarín arrasou 200 hectáreas e aínda non está controlado e a vaga de calor que chegará esta semana obriga a aumentar as alertas polos lumes mentres seguen as críticas á falta de medios.

Un total de 1.300 incendios arrasaron en Galiza unhas 2.200 hectáreas no que vai de ano, segundo datos oficiais ofrecidos pola conselleira de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana, que defendeu hoxe o seu labor entre a onda de críticas que está a recibir de diversos sectores pola falta de prevención e medios para a extinción.

Respecto aos últimos días, a titular de Medio Rural subliñou que se produciron 150 incendios, os cales arrasaron unhas 700 hectáreas. Destes, segundo indicou Quintana, só oito superaron as 20 hectáreas.

Entre os de maior preocupación na actualidade está o incendio declarado o domingo no municipio ourensán de Vilamarín, que aínda permanece activo após afectar a unhas 200 hectáreas. Así mesmo, a vaga de calor que afectará Galiza esta semana fai aumentar as alertas ante posíbeis lumes forestais.