Coronavirus Galiza: os casos activos soben de 20.000 mentres segue en descenso a presión hospitalaria

O Goberno estatal afirma que "moi cedo" desaparecerá a máscara dos interiores (Foto: Europa Press).
A Galiza fica por segunda xornada consecutiva por riba dos 2.000 novos contaxios de Covid-19 e supera os 20.100 casos activos, mentres que os pacientes hospitalizados descenden a 376.

Segundo os datos actualizados esta quinta feira pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18 horas da cuarta feira, continúan 26 persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 na Galiza, sen mudanzas por segunda xornada seguida, mentres descenden a 350 as hospitalizadas en unidades convencionais (dez menos que na xornada anterior), mentres 19.751 pacientes están en seguimento nos seus domicilios.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase en catro das sete: A Coruña-Cee, Ourense-Verín-O Barco, Vigo e Compostela-O Barbanza; mentres que se incrementa lixeiramente nas de Lugo-A Mariña-Monforte e Pontevedra-O Salnés, e mantense sen cambios na de Ferrol. No caso da área da Coruña aínda que aumentan a dez os pacientes ingresados pola Covid en UCI (+1), descenden a 75 os hospitalizados noutras unidades (-7); e na de Vigo segue un en críticos e baixan a 55 os doutras unidades (-3).

Na área de Compostela descenden a seis os pacientes Covid en UCI (-1) e a 58 os doutras unidades (-2), mentres que na de Ourense continúan cinco en críticos e baixan a 53 os doutras unidades (-1). Pola contra, na área de Pontevedra segue un paciente en UCI pola Covid e hai 42 ingresados noutras unidades (+2), e na de Lugo mantense un en críticos e aumentan a 36 os doutras unidades (+1). E a área de Ferrol mantén dous pacientes ingresados pola Covid-19 en UCI e 31 hospitalizados noutras unidades convencionais.

Máis de 20.000 casos activos

Os casos activos de Covid-19 volveron superar os 20.000 ao situarse en 20.127, que implican 538 máis que a xornada anterior, ao haber máis contaxios (2.075) que altas (1.534), ao que se engaden tres falecementos.

As infeccións activas só minguan na área de Ourense (-23), mentres que ascenden nas outras seis, coa da Coruña á cabeza (+133), seguida de Ferrol (+131), Vigo (+105), Compostela (+76), Lugo (+61) e Pontevedra (+53). Por tanto, con máis infeccións activas mantense a área da Coruña, con 4.334; seguida de Vigo, con 3.602; Compostela, con 3.192; Ourense, con 2.682; Lugo, con 2.447; Pontevedra-, con 2.137, e Ferrol, con 1.639.

Segundo o último informe actualizado polo Ministerio de Sanidade este pasado 15 de marzo, a incidencia acumulada a 14 días na Galiza ascende a 883,57 casos por cada 100.000 habitantes, mentres que a media estatal fica en 432,37.

2.075 novos contaxios

Por segunda xornada consecutiva os novos contaxios superan os 2.000 ao detectarse 2.075, que supoñen oito menos que os 2.083 da cuarta feira, tras os 1.918 da terza logo de iniciar esta semana con pouco máis dun milleiro.

Na xornada desta cuarta feira practicáronse 3.594 PCR, o que eleva a 3.747.044 as probas deste tipo feitas desde o inicio desta pandemia en Galicia, e 3.942 test de antíxenos, que sitúan en 1.579.317 os feitos no país, o que supón 7.536 entre ambas as dúas, que constitúen 413 máis que o día anterior.

En canto á taxa de positividade —número de PCR positivas por cada cen realizadas— segue en aumento até 14,28%, por riba do limiar de 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia.

Persoas falecidas e curadas

As persoas falecidas pola Covid-19 desde o inicio desta pandemia aumentan a 3.165 despois de notificar Sanidade outros tres óbitos, todos eles de persoas con patoloxías previas. Unha das vítimas, un home de 61 anos, faleceu o pasado 14 de marzo na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. Os outros dous óbitos rexistráronse o día 15 na área sanitaria de Vigo: unha muller de 75 anos e outra de 91.

Pola súa parte, 502.536 persoas curáronse da Covid-19 desde o inicio desta crise sanitaria, despois de recibir a alta outras 1.534 nas última xornadas en todo o país.