Os datos de Covid-19 melloran: Baixan as hospitalizacións e os contaxios na Galiza

Os casos activos descenden este sábado na Galiza (Foto: Nito)
Segundo recolle a última actualización do Sergas, con datos rexistrados até as 18 horas da sexta feira, a pandemia deixa no país outras dúas vítimas

As hospitalizacións por Covid-19 na Galiza descenden este sábado até as 154, que son 19 menos que na xornada anterior. Baixan tamén as infeccións activas até as 1.697 (20 menos), así como os contaxios notificados nas últimas 24 horas, 148 (28 menos).

Segundo recolle a última actualización do Sergas, con datos rexistrados até as 18 horas da sexta feira, a pandemia deixa no país outras dúas vítimas, co que se alcanzan os 3.873 falecementos desde que se iniciou a crise sanitaria.

Os óbitos, ambos con patoloxías previas, corresponden a un home de 88 anos da área sanitaria de Vigo e a un muller de 94 anos da área sanitaria de Pontevedra.

Por contra, soben a 667.790 os curados de Coronavirus, 165 máis este sábado.

Áreas sanitarias

Os casos activos baixan en catro das sete áreas: na Coruña, con 416 (nove menos); en Ourense, 286 (tres menos); en Santiago, 226 (sete menos); e en Vigo, con 209 (12 menos). Pola contra, soben en Pontevedra, con 186 (10 máis); en Ferrol, 129 (un máis); e en Lugo, 238 (tres máis).

No tocante aos hospitalizados, descenden en todos os distritos sanitarios menos en Ferrol, onde o total mantense en 15, aínda que aumenta un en planta e baixa un en UCI (onde xa non fican ingresados).

A área de Ourense conta con 19 ingresados en unidades convencionais (tres menos) e dous en UCI (sen mudanzas); a da Coruña, 44 en planta (tres menos) e tres en críticos (sen cambios); a de Pontevedra, 22 en unidades convencionais (cinco menos) e un en coidados intensivos (sen cambios); a de Santiago conta con 16 hospitalizados en planta (catro menos) e dous en UCI (un menos); a de Lugo, con 11 en unidades convencionais (un menos) e continúa sen ingresados en coidados intensivos; e a de Vigo, con 18 en planta (dúas menos) e un en UCI (sen cambios).

Por último, en canto aos novos contaxios notificados, as áreas de Ourense e A Coruña lideran con 27 casos cada unha; seguida por Lugo, con 25; Santiago, con 23; Pontevedra, con 20; Vigo, con 16; e Ferrol con 10.