Das probas PCR aos tests rápidos: así se detecta o novo coronavirus

Os tests desde o coche para o diagnóstico da CIVID-19 estendéronse desde Galiza ao resto do Estado (Europa Press).
O último tirapuxa entre a Xunta e o Goberno estatal a conta dos tests rápidos de diagnóstico continúa. Segundo o Executivo galego "non teñen utilidade clínica" nin ofrecen un diagnóstico "fiábel". Porén, a Delegación do Goberno defende a súa efectividade e asegura que a súa escolla foi consensuada con todos os territorios do Estado para aliviar a sobrecarga das probas PCR.

Galiza recibiu a pasada segunda feira perto de 58.000 unidades de tests rápidos de diagnóstico da COVID-19, unhas probas para as que o Ministerio de Sanidade xa estabeleceu unhas pautas de uso. Son tests rápidos de detección de anticorpos, e segundo recolle a guía que marca a súa utilización, "ofrecen a posibilidade de aumentar as capacidades diagnósticas do sistema de saúde", ademais de facilitar os resultados en 15 minutos.

Críticas

As críticas por parte do Goberno galego chegaron axiña. Primeiro, foron os profesionais do comité de xestión da crise sanitaria da Xunta quen cuestionaron a súa precisión, xa que "non distinguen" entre os anticorpos que xera o sistema inmunolóxico na fase inicial da enfermidade e na recta final, o que impide saber se unha persoa pode contaxiar o coronavirus ou non.

Onte, foi o presidente Alberto Núñez Feixoo, quen afondou na censura. "Non valen para facer un diagnóstico fiábel", asegurou após o Consello da Xunta, e en consecuencia, non se poden utilizar como proba única. Así, na Galiza serán "complementados" coas probas PCR que xa se veñen desenvolvendo nos laboratorios hospitalarios, destacou. Un protocolo indicado, tamén, na guía elaborada polo Ministerio cando o resultado sexa negativo.

"A PCR é como unha fotocopiadora de ácido nucleico. É capaz de detectar no momento o virus que se está replicando na gorxa ou no nariz dunha persoa infectada".

Pola súa banda, a Delegación do Goberno defende a efectividade dos tests enviados polo Executivo estatal. Mantén que "incrementan de forma substancial" a capacidade de diagnóstico ao tempo que reducen a sobrecarga das probas PCR. E insiste na fiabilidade da escolla, realizada polo Instituto de Saúde Carlos III "en consenso" con todos os territorios do Estado como "un bo complemento" para as PCR en contornas onde prevalece a enfermidade.

Na actualidade, a comunidade médica dispón de tres sistemas diferentes para detectar a presenza do SARS-CoV-2: a PCR en tempo real, que localiza o xenoma do virus; os tests inmunolóxicos, que identifican os antíxenos do virus, e os tests serolóxicos, que sinalan os anticorpos producidos como resposta á infección

PCR en tempo real

Fontes consultadas por Nós Diario coinciden en sinalar a PCR cuantitativa en tempo real como a modalidade máis específica e sensíbel. É coa que traballan nos hospitais pola súa importancia desde o punto de vista da clínica das doentes. Require dunha mostra nasofarínxea, da que se recollen partículas virais. De aí extráense os ácidos nucleicos para determinar se o virus está presente ou non. 

"A PCR é como unha fotocopiadora de ácido nucleico e é capaz de detectar no momento o virus que se está replicando na gorxa ou no nariz dunha persoa infectada". Polo tanto, permite obter un resultado positivo antes de que unha persoa manifeste os primeiros síntomas. O maior inconveniente está en que exixe un equipamento e persoal cualificado, ademais da tardanza do propio resultado, unhas catro horas.

Tests rápidos

"Aquí entra en xogo a inmunoloxía", advirte a comunidade especialista. Dunha banda, están os tests serolóxicos. "Abonda unha gota de sangue para detectar a resposta do teu corpo ao SARS-CoV-2 mediante a xeración de anticorpos". Esta resposta é tardía, e para ser detectada é necesario que a persoa leve varios días coa enfermidade. "Pode xerar falsos negativos, mais é unha proba moi interesante para abordar estudos epidemiolóxicos como os que se levaron a cabo en Corea", engade. 

"Os tests de antíxenos e serolóxicos son menos efectivos pero moito máis rápidos e fáciles de usar".

E doutra banda, están os tests de antíxenos, baseados na detección destas moléculas do virus, de novo, a partir dunha mostra nasofarínxea. Este modelo é moi habitual no diagnóstico clínico, de feito o seu fundamento é o mesmo que o dun test de embarazo ou do Streptococcus pyogenes, no caso das crianzas. 

Ambos son menos específicos pero moito máis rápidos e fáciles de usar, e no caso deste último, tamén ofrece resultados en tempo real.