Seis das sete áreas sanitarias rexistran positividade por Covid por riba do limiar marcado pola OMS

Unha proba de PCR (Foto: Europa Press)

Os contaxios detectados na Galiza mantéñense con 327 nun día.

 

Os datos da Consellaría de Sanidade reflicten que até o momento realizáronse na Galiza un total de 858.609 PCR, o que implica que en 24 horas fixéronse 4.468. Isto supón unha importante baixada, xa que se practicaron 1.675 PCR menos que o día anterior.

En canto á positividade, elevouse até o 7%, unha cifra superior ao 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

De feito, tan só a área de Vigo está por baixo deste limiar, co 2,2% de positivos, mentres que seguen por riba Pontevedra (17,5%), Santiago (9,7%), Ourense (8,1%), A Coruña (7,4%), Lugo (6%) e Ferrol (5,8%).

Porén, esa taxa rexistrou nestes días un importante descenso a respecto dos niveis que marcaba a semana pasada e que a situaban na Galiza por riba do 10%.

Contaxios

Galiza rexistrou 327 novos contaxios de coronavirus confirmados por PCR en 24 horas, o que implica unha estabilización ao subir en tan só catro con respecto aos notificados a xornada anterior.

As áreas que rexistraron repuntas son as de Lugo, Ourense, Santiago e Vigo, pero a de Pontevedra mantense á cabeza co maior número de novas infeccións, con 70 positivos nun día.

Das áreas nas que subiron os novos casos confirmados, a de Lugo-Monforte-A Mariña sitúase como a de maior incidencia, con 60 novos casos, 22 máis que os notificados a xornada anterior. Segue a esta Santiago-Barbanza, con 52 novos positivos (+10); Vigo, con 43 (+1); e Ourense-Verín-O Barco, con 21 positivos (+5), que continúa como área con menos infeccións detectadas diariamente.

Pola contra, notificaron descensos nos positivos en 24 horas as áreas da Coruña, con 53 novos (-15), e Ferrol, con 28 (-13).

En canto aos casos activos -persoas que aínda están diagnosticadas da enfermidade-, esta terza feira baixaron en 52, até colocarse no total de 8.617 pacientes.

.Con todo, tamén continúan á alza as vítimas mortais diagnosticadas de Covid-19, que hoxe, terza feira, se sitúan en 1.161 tras notificarse onte 15 novos falecementos, dos que sete eran usuarios de residencias de maiores.