Dar nova vida á alta montaña galega

A Pobra do Brollón acolle unhas xornadas sobre o desenvolvemento dunhas zonas nas que abrollan proxectos e experiencias contra fatalismos e derrotismos. 

‘Programas da UE para o desenvolvemento das zonas de alta montaña’ é o título das xornadas que este sábado, 6 de maio, decorren na Pobra de Brollón organizadas por AGEe e o grupo europarlamentar GUE/NGL. Persoas de diferentes ámbitos debaterán e falarán sobre a realidade presente e o futuro destas zonas. “A alta montaña é unha gran descoñecida”, recoñece Roi Estévez, un dos participantes nas xornadas. Membro da asociación cultural e veciñal Vieiros (Quiroga) e presidente de Souto Vivo, Estévez considera que cómpre definir o que se pretende para estas zonas. “Queremos unha montaña como foco de traballo, unha montaña para o turismo, unha montaña para acoller xente das cidades?”.

Explica en conversa con Sermos Galiza que baixo o termo alta montaña hai diferentes realidades segundo as zonas, “non todas son iguais”. De aí que un paso que se precisa dar é o da zonificación, isto é, “definir os obxectivos segundo as características de cada zona, hainas con vocación máis gandeira, outras máis agroforestal...”. E aí entra un concepto importante, a multifuncionalidade. “No rural non podes apostar todo a unha única funcionalidade”.

Carencias

Roi Estévez lembra que aínda estamos nunha fase na alta montaña que pode parecer tan superada no resto de Galiza como é a de se dotar de infraestruturas básicas. “Luz, auga, saneamento. Camiños”, enumera. Servizos dos que se carecen. “Na miña aldea non temos moitos deles”, aclara.

Lograr infraestruturas e servizos e así ter unha base sobre as que asentar e desenvolver vida e proxectos. “o futuro aquí pasa por rachar con esa mentalidade máis individualizada, de cidade; e recuperar o traballo en común, comunitario. O que aquí se chamaba traballar en concello”. Unha mentalidade de cooperación que está na base dos proxectos que se desenvolven na alta montaña. “Moitos proxectos pequenos pero que todos xuntos consiguen esa multifuncionalidade”.