Daph, persoa non binaria: "Facíame dano que se utilizase o meu 'deadname', non me identificaba con el"

Daph porfiou por cambiar o seu nome sen finxir un xénero co que non se identifica.
Daph Sánchez Rodríguez (A Coruña, 1991) non se identifica 100% nin como home nin como muller. É unha persoa non binaria, a primeira na Coruña en mudar o seu nome facendo uso do arranxo de Lei de Mención Rexistral para persoas trans. Malia non gozar de recoñecemento legal, logrou o cambio sen renunciar ao xénero co que se identifica.

Que ou a quen denomina o xénero non binario?

É complexo de explicar de maneira categórica porque dentro do xénero non binario hai moitas vivencias diferentes. Cando falamos de xénero falamos dun constructo social que fai referencia á clasificación binaria propia da nosa cultura, hexemónica, que estabelece dúas categorías, moldes ou caixóns moi ríxidos: home e muller. Esta clasificación dáse desde que nacemos de acordo coas características sexuais, coa prevalencia dun tipo de hormonas ou cunha combinación de cromosomas que se presupoñen. Despois está o xénero asignado, que se impón eminentemente a través dos xenitais e que leva a unha educación determinada que convida a cumprir cunha serie de roles asociados a ese molde no que te encaixan. E está a identidade de xénero ou xénero sentido, que sería o máis importante.

No meu caso, eu son unha persoa non binaria porque non sinto que encaixe con ningún deses dous moldes. Non son completamente home nin completamente muller. Síntome máis cómode co xénero non binario, un concepto que se usa para definir realidades diversas que non encaixan co binarismo da sociedade actual.

É un termo paraugas no que caben moitas vivencias distintas.

Moitas. Eu, por exemplo, identifícome cunha persoa trans, non binaria e de xénero fluído. 

Que significa?

Resulta difícil de entender cando o explico. Se trazamos unha liña imaxinaria e situamos home e muller nos extremos, case sempre a miña experiencia está perto do que suporía ser home, pero vou fluíndo. Hai momentos nos que me sinto máis cómode co que significa ser muller, outros nos que me sinto máis cómode co molde de home e momentos nos que me sinto completamente fóra diso, mesmo os dous á vez.

As persoas non binarias gozan de recoñecemento legal?

Estamos completamente fóra da lei, por iso é tan importante reivindicar e facer visíbel esta realidade. Agora mesmo non se contempla. Se non hai estatísticas, se non hai constancia oficial da nosa experiencia, non se vai lexislar. Non existe categoría xurídica para nós, mais hai algún documento oficial que fai referencia. Eu atopei un do Concello da Coruña na Rede de Bibliotecas Municipais que no capítulo de xénero pon: "home, muller, non binario, non especifica". Ese papel serviume para rebaterlle ao persoal do Rexistro Civil o seu argumento de que estaba a inventar a miña identidade. Existe malia non estar na lei e quedar fóra do anteproxecto de lei trans para poder avanzar na súa tramitación. 

En que momento decide dar o paso para mudar de nome?

O proceso foi longo. Eu saín do armario en dúas fases. Con 14 anos decateime de que era unha persoa bisexual, e aclaro que a orientación sexual é algo que hai que distinguir de identidade. Nese momento saín do armario. Foi un proceso difícil xa que non tiven todo o apoio do meu contorno. Con todo, sempre sentín que en min había algo máis que era diferente, mais ao non contar con referentes, non era capaz de pórlle nome e sentíame mal. A finais do ano pasado tiven a sorte de atoparme con Amizando, asociación da que agora son parte. Ofreceume información e converteuse para min nun espazo seguro. Entón  fun capaz de pórlle unha etiqueta  a como me sentía realmente. Foi o que me axudou a saír do armario por segunda vez, como persoa trans non binaria.

Nese momento tomei a decisión de esperar a que a proposta de lei trans se aprobase para poder mudar o meu DNI e por aí que son unha persoa non binaria. Mais ao ver que se atrasaba esa posibilidade resolvín ir adiante co cambio de nome. O meu o deadname non me identifica para nada e facíame dano que se utilizase. Se había unha lei que me permitía cambiar o nome, non tiña porque conformarme con menos. 

Foi doado?

A primeiro contacto co Rexisto Civil foi bastante malo. Cando existe un trámite específico para a disforia de xénero esperas que na Administración pública te reciba unha persoa informada, mais non a atopei. O primeiro que me dixeron foi que non me ían facer o cambio de nome por disforia de xénero malia levar documentación acreditativa. Insistíronme moito para que fixera a mudanza pola vía habitual, de forma que estaban a disfrazar unha discriminación co pretexto de facer os trámites máis sinxelos. Tras ese primeiro contacto telefónico, tiña tanto medo de que chegado o día me rexeitasen o cambio que me puxen a investigar nas leis e na normativa vixente. 

Botei man da Instrución do 23 de outubro de 2018 ─sobre cambio de nome no Rexistro Civil de personas trans─, que permite o cambio rexistral do xénero sentido, o verdadeiro, mediante a simple expresión da vontade de formalizar ese cambio, e tamén do artigo 8 da Declaración de Dereitos Humanos, que dota de protección a identificación sexual, un elemento esencial da esfera persoal.

En todo momento defendín que tiña cita para facer o cambio de nome por disforia de xénero, que existía esa vía, que cumpría todos os requisitos e presentaba toda a documentación exixida, e que polo tanto tiñan a obriga de recollela. E así o fixeron. Ao cabo de tres días xa recibín unha chamada que me deu a coñecer a resolución xudicial. Foi rápida e positiva. Sóubeno no momento, xa que se dirixiron a min como Daph.

Máis referentes e linguaxe inclusiva

Para Daph, o cambio de nome que vén de facer é un paso decisivo. A nivel persoal e colectivo. "O primeiro que fixen foi mudalo en todos os sitios para facer desaparecer o meu nome de antes. Para min é fundamental que se refiran a min con algo que me identifico". Por iso fai fincapé no uso da linguaxe inclusiva. "É unha cuestión de respecto. Cando coñezo unha persoa o primeiro que lle pregunto é como se chama e con que pronomes se identifica".

Tamén pide referentes para as xeracións máis novas. "Eu tardei 30 anos en dar coa etiqueta que me identifica e coa que me sinto cómode". Hai que facelos chegar ás escolas e dalos a coñecer na sociedade, di, polo que tamén reivindica unha presenza maior de persoas e voces do colectivo Lgtbi nos medios e no audiovisual. "Cómpren representacións verídicas e fiábeis".