Os danos da discordia pola EDAR de Ons

O último episodio de vertedura na depuradora de Ons, decorrido en agosto, fixo que as persoas camiñaran por riba da auga residual. (Foto: Nós Diario)
As dúbidas sobre as competencias manteñen a depuradora en mal estado e arrisca a vida mariña. O Concello de Bueu garante que non ten potestade sobre o Parque Nacional das Illas Atlánticas -do que é parte Ons-, mentres a Xunta non aclara as súas responsabilidades.

A Xunta dá a calada por resposta a preguntas de Nós Diario a respecto das súas competencias para abordar obras de mellora da depuradora de Ons (Bueu) após o último episodio de vertedura de augas residuais ao mar. Pola súa banda, o Concello garante que a responsabilidade de actuar no Parque Nacional das Illas Atlánticas -que inclúe como unha falta moi grave as verteduras- non é súa. Malia que na última fin de semana a afluencia de público e o funcionamento do sistema se normalizou, é probábel que estes episodios leven décadas afectando ao hábitat. 

Os prexuízos causados no mar serían puntuais, ao igual que episodios de contaminación, mais iso non significa que poidan ser minimizados. Desde Ecoloxistas en Acción destacan que o de Ons "é un exemplo de mala xestión" da depuradora. 

A pesar de non ter feito unha análise no terreo, advirten de que as verteduras de augas residuais -como as que decorreron polo menos durante cinco horas na fin de semana do 21 ao 22 de agosto- acostuman causar "eutrofización", é dicir, "baixa o osíxeno da auga e os peces morren". O exemplo máis claro e preocupante deste efecto sería o acontecido "no mar Menor". 

Ademais de ter incidencia no hábitat das especies mariñas, e pese a que o "mar é resistente" e, segundo os ecoloxistas, o feito de que as "rías galegas sexan máis abertas" xoga ao seu favor, o mal saneamento de Ons e doutras zonas pode ter consecuencias na saúde das persoas se chega afectar "ás zonas de baño", cuxo feche "é común en verán" nalgúns puntos da xeografía galega. 

Ante esta ameaza, da que a veciñanza da illa se queixa desde hai décadas, o Goberno galego só afirmou nalgúns círculos que vai levar a cabo unhas obras de mellora na infraestrutura de saneamento. 

No entanto, non aclarou as dúbidas deste diario ao redor da posíbel multa que correspondería pagar por caer nunha falta grave tipificada nas normas do parque, entre outras cuestións. No Concello de Bueu descartaron ter competencias e advertiron de que a Xunta nunca traslada información.

Deficiencias arrastradas por anos

O caso da depuradora da illa de Ons non é único na Galiza, pois as Estacións Depuradoras de Augas Residuais (EDAR) foron obxecto de estudo por parte de Ecoloxistas en Acción o pasado exercicio. Nas súas conclusións, as e os expertos da entidade deixan claro que "a maioría" das depuradoras galegas que presentan deficiencias hoxe en día "arrastran un longo histórico de non conformidades sen que as administracións competentes locais e autonómica leven a cabo as actuacións necesarias para remedialo". 

Sexa ou non froito das disputas ou dificultades para acordar de quen son as competencias -normalmente as sanitarias recaen nos municipios-, a realidade é que hai infraestruturas como "a de Placeres", en Pontevedra, ou as de Burela, Touro, Maceda ou Soutomaior, que non deixan de dar problemas. 

Sobre as posíbeis causas dos mesmos, os responsábeis do informe apuntan cuestións moi variadas como a falta de separación de augas residuais e pluviais ou a "presión demográfica pola afluencia descontrolada de turismo".