Daniela Rodrigues-Amorim, científica: "A esquizofrenia é un trastorno multifactorial, e alén de ser xenético pode vir dunha infección"

A científica Daniela Rodrigues-Amorim no seu laboratorio do Instituto de Investigación Sanitaria Galiza Sur (Nós Diario).
A investigadora científica Daniela Rodrigues-Amorim, membro do Instituto de Investigación Sanitaria Galiza Sur, é autora dunha tese de doutoramento defendida na Universidade de Vigo na que identifica varios biomarcadores en sangue que poden axudar ás e aos especialistas psiquiatras nos seus diagnósticos e a decidir o mellor tratamento en cada paciente. O resultado, ademais, supón a posibilidade de desenvolver sistemas de detección con axuda de nanotecnoloxía e biosensores.

-Que implica a esquizofrenia para a sociedade actual? 

A esquizofrenia, así como outros trastornos mentais, teñen aínda moi patente un estigma social que resulta en gran medida da falta de comprensión deste tipo de enfermidades. Dentro delas, a esquizofrenia é un trastorno mental grave que leva consigo a unha interpretación anormal da realidade.

Trátase dunha patoloxía altamente incapacitante, mais como como calquera outra enfermidade, o diagnóstico e tratamento precoz permite reducir o impacto do trastorno. Administrar un tratamento adecuado é decisivo para diminuír a deterioración cognitiva e social que sofre o paciente, así como para proporcionar a máxima calidade de vida posíbel.  

-Que avances introduce a súa tese para diagnosticar o tratamento da esquizofrenia?

O obxectivo desta tese foi buscar biomarcadores que axuden no diagnóstico, prognóstico e/ou tratamento da esquizofrenia. En conxunto cos meus directores de teses, o doutor José Manuel Oliveirais e o doutor Carlos Spuch, conseguimos identificar un panel de dez moléculas asociadas a fases temperás ou crónicas do trastorno, procesos neurodexenerativos vinculados a unha evolución máis grave da esquizofrenia, así como biomarcadores de dano neuronal. 

Estes resultados foron publicados en revistas como Frontiers in Psychiatry, Scientific Reports e Cellular and Molecular Neurobiology. Este avance axudará a entender non só a enfermidade na práctica clínica, como tamén buscar novas dianas terapéuticas e un novo entendemento da esquizofrenia a nivel molecular.

-Que tratamentos hai hoxe en día? Coa súa proposta pódese sinalar cal é o máis axeitado para un paciente?

O tratamento de primeira liña da esquizofrenia son os fármacos antipsicóticos. Dentro deste grupo existen varios principios activos e conxuntamente danse outro tipo de fármacos coadxuvantes ou outras terapias. O problema é que a esquizofrenia é un trastorno cunha sintomatoloxía moi variábel, o que implica non ter un tratamento estándar.

A finalidade destes estudos é poder detectar nunha mostra de sangue indicadores que axuden a diagnosticar, tratar e entender a evolución da esquizofrenia, cunha aplicabilidade directa na práctica clínica. A pesar de que a validación de biomarcadores require a análise de varios aspectos, a súa identificación é un gran paso para o entendemento das enfermidades e desenvolvemento de tratamentos personalizados.

-Cal sería para vostede a orixe da esquizofrenia? 

A esquizofrenia é un trastorno mental multifactorial. Na súa orixe están diversos factores tanto xenéticos como ambientais. Isto significa que ademais do compoñente xenético, outros factores como eventos da vida complexos, migración, abuso de substancias, complicacións obstétricas ou mesmo infeccións virais están estritamente relacionados coa súa etioloxía.

No noso traballo tamén buscamos xustificar a súa orixe desde o punto de vista molecular tendo en conta a diversidade de factores e a súa manifestación clínica. Pero, claramente, é unha patoloxía cuxa orixe incide nun conxunto de aspectos tanto biolóxicos como psicosociais.

En conxunto, buscamos asociar a bioloxía e a clínica para incrementar o coñecemento sobre a esquizofrenia, proporcionando ferramentas ás e aos psiquiatras para axudalos no seu diagnóstico e tratamento e cuxa investigación foi totalmente envorcada no paciente.