Daniel Amarelo: "Hai unha gran cantidade de discursos retrógrados que nos asoballan"

Daniel Amarelo
Nós, xs inadaptadxs. Representações, desejos e histórias LGBTIQ na Galiza é un libro que compila artigos, relatos e imaxes ao redor da Galiza LGBTIQ+ de onte e de hoxe, con máis de vinte persoas e entidades colaboradoras, baixo o auspicio de Através Editora. O proxecto atópase en plena campaña de micromecenado mediante a plataforma Verkami, coa que procura reunir as axudas necesarias para sacar adiante a edición. Conversamos co editor do volume, Daniel Amarelo. 

Cóntenos, cal foi a cerna  de Nós, xs inadaptadxs. Representações, desejos e histórias LGBTIQ na Galiza?

O libro Nós, xs inadaptadxs. Representações, desejos e histórias LGBTIQ na Galiza (inadaptadas, inadaptados, inadaptades... o bo do "x" é que se pode ler de diferentes maneiras) comezou hai xa practicamente un ano. Son editor na Através, un proxecto activista, sen ánimo de lucro, e falando co equipo decatámonos de que na Galiza se estaban desenvolvendo moitas cuestións relacionadas con temas de sexualidades non normativas, de diversidade sexual e xenérica, mais non había unha edición que recollese todos estes debates.

En cambio, si que había, sobre todo a raíz dos 8-M masivos dos últimos anos, produtos editoriais de éxito na Galiza sobre feminismos. Achei que sería un acerto poder facer un proxecto colectivo no que se involucrasen persoas que traballan dalgunha maneira co tema LGBTIQ. Desde o primeiro momento pensei nun proxecto colectivo que implicase xente que traballa en literatura, nas ciencias, no teatro, en historia, na creación cultural e, sobre todo, no activismo. Propúxenlle a idea á editora e deume vía libre. 

O libro preséntase como  unha aposta pola pluralidade, en varios niveis. 

Quería que este libro cuir, diverso, tamén o fose na súa propia xestación. Demos liberdade aos autores e ás autoras para falar daquilo que máis lles gustase. Intentamos facer un relato alternativo, desde a estrutura. Comezamos cunha primeira parte de mapeamentos, con textos de Chus Nogueira, Gena Baamonde, Afonso Becerra e Xosé Manuel Buxán sobre a creación artística na Galiza desde a óptica cuir ou sexodiversa.

A segunda parte céntrase en desafíos: Candela Barro trata a realidade do xornalismo no mundo LGBTIQ, Iria Veiga, médica psiquiátrica, desmonta falsos mitos, e Ana Ojea, profesora do Politécnico de Vigo, trata a cuestión da escola. A esta séguelle outro bloque de percursos, con relatos máis persoais, máis biográficos, da man de Danny Barreto, profesor, Xácia Ceive, de Sete Outeiros, e Ângelo Merayo, profesor de portugués para refuxiados en Lisboa.

A seguinte sección é de arquivos e nela tratamos a historia do activismo LGBTIQ na Galiza, desde eses primeiros pasos pola loita da liberación sexual nos anos 80 e 90, da man de Antón Lopo.  Neste mesmo apartado, Carlos Callón céntrase na narrativa tradicional, Daniela Ferrández fala sobre o termo trans, que pode ser problemático, e Mario Regueira reflexiona sobre a literatura galega como cuir. Xa por último, achegamos unha pequena parte de poesía, entre aspas, coas pegadas de Jesús Castro e Andrea Nunes Brións, e tamén xuntamos as experiencias dos colectivos Arelas, Avante LGBT, Coletivo Agrocuir da Ulloa e Nós Mesmas.

Por que é necesario que  a xente apoie este libro? 

O tema cuir está bastante visíbel, mais é necesario descubrir outro relato. Temos referentes a nivel internacional, mais se non sabemos nós o que hai de sexo diverso nas nosas circunstancias, na nosa terra, no noso país, é moi difícil non caer en dinámicas que ao final son normativas. Está ben o orgullo de Madrid, mais nós temos as nosas particularidades, a nosa visión da diversidade sexual. Estes relatos que achegamos son propostas. É importante que a xente adquira o libro para ver que se propón e poder entre todas dialogar e debater a sexualidade e a liberdade, é unha oportunidade que non debemos perder na altura histórica na que estamos, na que hai unha cantidade de discursos retrógrados que nos asoballan. En toda esta dinámica irmos procurando o noso lugar pode ser interesante e este libro é unha peza importante.