Danan un vehículo en Compostela por levar unha estreleira

Cristal co autocolante que apareceu pousado na bandexa do maleteiro

Un veciño de Santiago de Compostela encontrou escrito nun lateral do coche “Viva España” e o parabrisas traseiro roto en anacos, do que conservaron un fragmento que levaba un autocolante coa bandeira da Galiza.

Os feitos aconteceron durante a madrugada do 23 ao 24 de decembro, cando X.M.T.S. deixara o vehículo aparcado en Santiago de Compostela. Segundo explica, o domingo foi coller o coche e de primeiras non se decatou de que o cristal estaba roto até que arrincou o motor e sentiu o ruído ao caeren restos da fiestra traseira. Foi entón cando se detivo e comprobou que deixaran un anaco de vidro coa estreleira pousado na bandexa do maleteiro e mais a escrita no lateral do vehículo. Sinala tamén que descarta o móbil do roubo, pois tiña no interior diversos obxectos como un i-pod, unha colección de cd's e lentes de sol, entre outros, que non foron subtraídos.

 

Para X.M.T.S. quen causou estes estragos fíxoo “por motivos ideolóxicos, nun ataque de intolerancia enmarcado no ambiente actual aos límites á liberdade de expresión e ao pluralismo político”. Referiuse á intolerancia existente “para quebrar un parabrisas por levar unha bandeira nun adhesivo” ao tempo que cuestionou “os discursos políticos que se fan dende certa esquerda española que falan de que o uso de símbolos a favor da independencia espertan o fascismo”. Tamén sinala que é “paradoxal” que o discurso do Rei “permaneza na súa unilateralidade e chame a ser tolerantes aos cataláns que defenden ideas de independencia de xeito pacífico e non cuestione actitudes fascistas a favor da españolidade nas rúas con violencia contra persoas e, neste caso, contra bens como vehículos; por menos están dirixentes cataláns nas cadeas”.

Este tipo de ataques á simboloxía galega repítense con certa frecuencia nos últimos anos

Este tipo de ataques á simboloxía galega repítense con certa frecuencia nos últimos anos, tanto cando se dificulta no Día da Patria o acceso á praza do Obradoiro con bandeiras galegas, como os obstáculos por levalas a eventos deportivos e manifestacións sociais, retencións en controis cando se rexistran bolsos e mochilas en concertos ou as multas ás embarcacións de baixura por izaren a insignia do propio país cando faenan no litoral galego.

 

Un emblema prohibido

 

A colocación da estrela no centro da bandeira galega atribúese a Daniel Rodríguez Castelao antes de 1936, cando as Irmandades da Fala utilizaban este símbolo na correspondencia. Na década de 1940 tamén foi usada pola guerrilla comunista na Galiza.

Vaga de recortes de liberdades e represión que se volve padecer na Galiza na actualidade e, concretamente, en Santiago de Compostela onde se organizan moitos dos actos reivindicativos de carácter nacional

Nos anos 1960 e 1970 introduciuse a presenza da estrela vermella na bandeira en actos políticos e culturais impulsados pola UPG e estendeuse ás organizacións nacionalistas e independentistas de esquerda na Galiza, tanto para eventos reivindicativos como festivos. Porén, o seu uso estaba prohibido durante a ditadura franquista e motivou a persecución deste emblema.

 

Xa na década de 1980, o BNG apostou por normalizar a súa presenza nas actividades públicas e por normativizar o seu deseño, ao facer coincidir os vértices tanto do ángulo superior da estrela como os dous inferiores coa faixa azul co obxectivo de manter as dimensións proporcionadas para que sempre tivese a mesma relación de tamaño.

 

Coa vaga de recortes de liberdades e represión que se volve padecer na Galiza na actualidade e, concretamente, en Santiago de Compostela onde se organizan moitos dos actos reivindicativos de carácter nacional, están a experimentarse ataques ao dereito de usar esta simboloxía como o acontecido a pasada fin de semana.

 

En todo caso, segundo describe X.M.T.S. non se trata dunha agresión á bandeira, senón “á diferenza cultural, territorial e política que representa”. “Galiza é un país tolerante e estrañan estas actitudes, máis nunha cidade tan aberta co turismo como Compostela e nestas datas”, explicou. “Despois de 40 anos de ditadura franquista nada cambia no relativo á prepotencia, intolerancia e afán de superioridade española contra a simboloxía galega”, engadiu.