Campaña da Deputación da Coruña

Dálle un ‘like’ aos xeodestinos turísticos do norte

Consciente da riqueza turística de Ferrolterra, A Coruña e As Mariñas, Costa da Morte, Terras de Santiago, Ría de Muros e Noia e Ría de Arousa Norte, a Deputación da Coruña vén de lanzar a campaña “Coruña Like”, enfocada ás redes sociais.

A área de Turismo da Deputación da Coruña anima a visitar Ferrolterra, A Coruña e As Mariñas, Costa da Morte, Terras de Santiago, Ría de Muros e Noia e Ría de Arousa Norte cunha nova estratexia promocional baixo a lenda “Coruña Like”. Trátase dunha campaña audiovisual centrada nas redes sociais onde a paisaxe, o patrimonio e a gastronomía son as protagonistas.

 

No vídeo, unha visitante amosa as distintas experiencias e paisaxes dándolle "gústame" nas redes sociais. Precisamente, aumentar a presenza destes xeodestinos nas redes é un dos obxectivos desta campaña. Ademais do vídeo xeral, a estratexia inclúe seis curtas particulares dedicadas a Ferrolterra, A Coruña e As Mariñas, Costa da Morte, Terras de Santiago, Ría de Muros e Noia e Ría de Arousa Norte.

 

“A iniciativa forma parte da estratexia da área de turismo da Deputación da Coruña e intenta ofrecer unha sutil información sobre o que caracteriza este territorio que pode funcionar como chamada, é dicir, patrimonio, paisaxe, camiños e diversión”, explica nun comunicado de imprensa o deputado da área de Turismo, Xosé Regueira.

    

Mostras deste patrimonio de gran valor turístico, son a torre de Hércules e o porto da Coruña, a fervenza do Ézaro e o cabo Fisterra na Costa da Morte, o monte Louro e o castro de Baroña na ría de Muros e Noia, a praza do Obradoiro nas Terras de Santiago, e o cabo Ortegal ou o mosteiro de Caaveiro de Ferrolterra.

 

A nova campaña audiovisual pódese atopar tamén na páxina web da área de Turismo da Deputación da Coruña que está a funcionar como plataforma interactiva de promoción dos distintos destinos e ferramenta para os concellos.