Dados que Ence entregou á Xunta demostran que as súas emisións están fóra do legal

A APDR vén de denunciar que as verteduras da pasteira incumpren a Lei de augas de Galiza e a normativa de augas residuais. Acusa á dirección da empresa de ''triunfalista'' por teren anunciado unha tendencia cara ao ''cheiro cero'' e unha redución nos ''episodios de impacto oloroso''


A Asociación pola defensa da ría de Pontevedra (APDR) vén de denunciar que as verteduras de Ence "incumpren a Lei de Augas de Galicia e a normativa de augas residuais urbanas" e instou máis unha vez á Xunta a que "deixe de mostrar complicidade" coa pasteira, que lle anule a Autorización Ambiental Integrada e que impida a prórroga da concesión dos terreos máis aló de 2018.

O colectivo en defensa da ría baséase nos dados oficiais que Ence achegou á Xunta e que dan conta das emisións entre xaneiro de 2012 e maio de 2013.

Ao fío, o presidente da APDR, Antón Masa, asegurou que a fábrica "lonxe de ser un referente ambiental, empeorou con respecto a anos anteriores, e os datos de 2013 fan pensar que a situación se repetirá no ano en curso" refutando deste xeito as afirmacións da pasteira realizadas hai uns días e nas cales afirmaba que os "episodios de impacto oloroso" se reduciran nun 83% en 2012.

O 90,9% dos rexistros de demanda química de osíxeno de 2013 están fóra do permitido

Cos dados na man, a APDR sinala que dos 52 rexistros correspondentes á demanda química de osíxeno realizados nese ano e indicador da calidade da auga vertida, 32 superan os 125 miligramos por litro fixados como límite máximo pola lexislación. A situación "empeora" en 2013, con 20 dos 22 datos existentes superando a devandita marca. É dicir: o 61,5% en 2012 e o 90,9% en 2013 están fóra da legalidade.

Ence non cumpre tampouco a respeito dos sólidos en suspensión, onde o 18% das mostras de 2013 superan o tope dos 35 miligramos por litro; nin en demanda biolóxica de osíxeno, onde se pasou de non superar os 5 miligramos a valores que están por riba dos 15 por litro.

A pasteira incumpre tamén os valores de mercurio permitidos, achegándose até o 0,1 e o 0,53, níveis que, se ben "non son especialmente altos", abondan para incumprir a Lei de augas da Galiza que só permite a vertedura de mercurio se vén da materia prima utilizada no proceso industrial, circunstancia que non se dá neste caso.

"Os dados non deixan lugar a dúbidas", recalcou Antón Masa, que acusou aos directivos da fábrica de "triunfalistas". Para o presidente da APDR, aínda que os responsables de Ence declaren que cumpren os requisitos da Autorización Ambiental Integrada, "sempre ocultarán que a cumpren só porque esa disposición administrativa permítelles contaminar dúas ou tres veces máis do fixado pola lexislación".