''Culpábel das touradas é quen ampara co seu voto que rebentar un animal é facer política municipal''

[Imaxe cedida polo entrevistado]

Conversamos con Rubén Pérez, voceiro da organización animalista Galiza Mellor sen Touradas e activista de Libera! ao día seguinte de se presentar a proposición non de lei que defenderá a deputada nacionalista Ana Pontón (BNG) no Parlamento galego para vetar a entrada de persoas menores de 16 anos en espectáculos taurinos.

 

Cunha lexislación, a de 1993, que semella insuficiente e cun desleixo por parte das administracións públicas que semella preocupante, os movementos sociais que pulan pola defensa e protección dos animais, tamén dos domésticos, e contra a "tortura institucionalizada" das touradas collen folgos e procuran o apoio de organizacións políticas para impulsar medidas lexislativas que avancen cara á abolición de calquera espectáculo que carrexe maus tratos aos animais. 

Ao día seguinte de se presentar a proposición non de lei que defenderá a deputada do BNG Ana Pontón no Parlamento galego, redactada en parceiría con Galiza Mellor Sen Touradas e que procura o veto da entrada de persoas menores de 16 anos ás corridas de touros, entrevistamos o porta-voz desta organización animalista galega para coñecermos de primeira man a situación do noso País.

O movemento animalista na Galiza é, dentro das loitas sociais, relativamente recente. Se tivera que debuxar a súa evolución, como sería?

Sería unha liña ascendente. Os diferentes colectivos e activistas acadan cada mes maior impacto a través dos medios de comunicación cunha liña propositiva moi innovadora e apreciada pola cidadanía. Superamos as cuestións máis sectarias para conformar un espazo de incidencia política e social moi importante para mudar as cousas.

Somos transversais e temos moitas frontes mais, desde logo, recollemos a ilusión e a forza dos movementos en defensa dos dereitos sociais e civís. Quizais xa acadamos a 'adolescencia' con vitorias morais importantes e, sobre todo, co convencemento de que a defensa dos animais está a ter espazo no debate político.

"Os movementos animalistas acadamos a 'adolescencia' con vitorias morais importantes e, sobre todo, co convencemento de que a defensa dos animais está a ter espazo no debate político"

Cales son esas frontes que teñen abertas?

Hai moito onde traballar mais quizais no eido das touradas e dos circos haxa un maior emprego de recursos humanos. A partir do debate parlamentar tamén se tenta poñer sobre a mesa indefinicións normativas como o feito de que exista unha lexislación que data do ano 1993 e que contemple multas ridículas para sancionar o maltrato animal que, por outra banda, nin tan sequera o goberno galego ten constancia real dos casos que suceden no noso país.

Por que o PP rexeitou integrarse no Espazo Parlamentar pola Defensa dos Animais? Deulles algunha razón?

A iniciativa partiu das organizacións que xestionamos este inter-grupo. Cremos que non se dan nin as condicións nin as posibilidades para que os deputados e deputadas do grupo popular participen. 

E nisto pesa moito a decisión do PP de facer bandeira da tortura animal até a declararen 'Patrimonio Cultural', un texto que non obriga a nada, mais que supón unha declaración de intencións. Tampouco axuda que esta formación pretenda rebaixar o IVE aos eventos taurinos. Aliás, preocúpanos o feito de que rexeitaran certas iniciativas na cámara galega, entre elas o veto ás touradas, mais tamén propostas para impulsar a tenza responsábel de animais domésticos.

O caso máis rechamante a respeito das touradas podería ser o de Sarria: non só se recuperou esta práctica, senón que se fai unha exaltación nunha sorte de feira de abril mesmo cun concurso para escoller 'raíña das festas'. Que apoios atopan neste concello os movementos animalistas?

Os animalistas temos que nos cinguir ao ámbito da defensa dos animais e á procura dunha reforma lexislativa que teña por obxectivo a fin do maltrato e mellores condicións de vida. Penso, e isto xa cho digo a nível persoal, que o caso de Sarria resposta a algún corpus ideolóxico que inclúe touradas e machismo a partes iguais, onde a discriminación e o culto á vaidade máis chabacana procura maltrato animal e cousificación da muller. 

"O PP fixo bandeira da tortura animal até a declararen 'Patrimonio Cultural', un texto que non obriga a nada máis que supón unha declaración de intencións"

Resulta vomitivo, mais tampouco me sorprende. Aínda así, entendo que a culpa non é de quen organiza iso, senón de quen ampara co seu voto que rebentar un animal e considerar unha muller coma un obxeto sexa política municipal.

Cal é a situación no resto de concellos onde aínda se realizan touradas?

Estamos a avanzar en cada municipio e non debemos esquecer que o retroceso da tauromaquia é contundente en todo o país. A Coruña pode ser o exemplo dun maior avanzo social, mais o resto de vilas tampouco quedan atrás. O pasado ano fixéronse máis protestas que nunca e nunca foron máis numerosas.

De que volume de fondos públicos estamos a falar cando dicimos que as institucións 'subvencionan' estes espectáculos?

O problema é que nin tan sequera existen dados reais desta subvención sistemática da tauromaquia. Deputacións e concellos empregan os nosos cartos en subsidiar peñas taurinas, festexos cruentos e até 'encontros literarios' con toureiros. Nun país realmente desenvolvido sería un escándalo o gasto público en maltrato animal.

"O caso de Sarria responde a algún corpus ideolóxico que inclúe touradas e machismo a partes iguais"

A iniciativa de Libera contra os espectáculos circenses que inclúan animais avanza pasiño a pasiño. Son dez os concellos que xa os rexeitaron. Como avalía estes dados?

Si, sumamos xa unha decena de vilas e en dous concellos estase á espera de debate pendentes. Grazas ás iniciativas conseguimos que máis de medio millón de galegas e galegos residan en localidades que rexeitan que un animal engaiolado poida ser un espectáculo. Trátase dun inicio moi prometedor e agardamos repetir os éxitos que xa suman ducias de municipios en todo o Estado español. Sinalamos cara á Catalunya como referente, onde unha iniciativa parlamentar neste senso obtén o apoio do 80% do Parlament.

Que opinión merece a Galiza Mellor Sen Touradas o argumento das 'tradicións' para defender prácticas que carrexan maus tratos aos animais?

A tauromaquia como tradición para defender a súa pervivencia é un absurdo indescritíbel. Se este é o mellor argumento daqueles que defenden que unha espada poida afogar un touro no seu propio sangue, entón significa que a batalla está gañada. Na rúa desde logo. Agora toca asaltar o eido político para certificar o que berra a cidadanía.

E a nível legal que atrancos atopan?

Normativamente existe un corpus desfasado e que non responde ás esixencias que se presentan. Cremos que é necesario un periodo de estudo e reflexión, posto que os numerosos abandonos e casos de maus tratos cara aos animais fan pensar que debemos confluír nunha lei moito máis avanzada e contundente. E diría que a sensibilidade actual desde as institucións é nula. Non podemos asumir a loita contra o maltrato animal sen amparo das administracións.

"Se o da 'tradición' é o mellor argumento daqueles que defenden que unha espada poida afogar un touro no seu propio sangue, entón a batalla está gañada"

Canto queda por andar até chegar á abolición de calquera forma de lecer que supoña maltrato animal?

Queda moito. Se temos unha lei inútil, temos un activismo próximo á inutilidade. E para remedialo somos os colectivos quen impulsamos medidas, como a campaña que Libera --asociación animalista á cal pertence o entrevistado-- lanza, canda outras dúas entidades protectoras da provincia da Coruña --Apadan e Abeiro--, para confrontar a crueldade e empoderar as persoas que queren denunciar o maltrato. Son milleiros de pasquíns e diferentes obradoiros nas cidades galegas para revertir unha dinámica negativa.

Xa puidemos comprobar na primeira actividade, na Coruña, como existe interese e moita ilusión para impulsar un pacto cidadán que permita trasladar moitas máis denuncias e máis presión. Quen maltrata a un animal ampárase na ineficacia da administración e na sensación de impunidade que isto xera. Nós tratamos de outorgar á cidadanía as ferramentas necesarias para se tornar crítica.