Da sega á malla, un proceso de resistencia e identidade

Mallega en Piornedo (Cervantes, Os Ancares). (Foto: Brais Lorenzo)
A sega e a malla son ritos que renacen na Galiza co obxectivo de preservar a identidade, apelar á comunidade e promover o reteitado das pallozas dos Ancares. Percorremos con Javier García (Vilar de Mouros), Pablo Rodríguez (O Puxedo) e Lucía González (Piornedo) un mapa no que o trigo e o centeo simbolizan a recuperación do rural a través de antigos costumes que buscan extinguir o baleiro e derrubar o esquecemento que sofre a súa xente. 

Vilar de Mouros, denodo e firmeza

"Alguén ten que ir diante. Atrás, virá o resto". A frase prodúcese perante a casa Benilde, onde conversan Javier García [quen a di] e Carmen Fernández [quen a escoita]. Carmen é prima-irmá da nai de Javier e durante o tempo no que se produce o diálogo pode apreciarse a boa relación que os une. 

"O martes vou", di laconicamente Javier. 

"Iso. Íache dicir que cando ías", responde Carmen. 

"Pois o martes", confirma. 

Durante segundos Carmen cavila e, finalmente, duplica o dito: "Pois o martes". 

Días despois, irán xuntos ao supermercado. Javier e Carmen diante e, atrás, a comida. 

Javier García, antes, terá falado de diversos temas. Todos arredor dun desexo, primeiro; unha paixón, segundo; e, finalmente unha identidade: a súa convicción sobre a necesidade de apostalo todo ―literalmente― polo rural. Faino desde o seu fogar. A García non lle acaba de convencer a cociña pero argumenta: "A ver, podería arranxala, pero…", e após unha breve pausa que semella longa, atalla calquera dúbida: "Váleme! Non ten por que ser todo cambiar, gastar...". E sorrí desde o lugar de Vilar de Mouros (A Capela, A Coruña). Cando o baleiro do rural non chegaba á categoría de realidade documentada e contrastada, habitaban o lugar 100 persoas en troques das 35 de agora. 

"Pensei que sería boa idea xuntar á xente", recoñece García, coa bilbaína detrás e con Lola, a súa cadeliña, atenta e recíproca perante calquera agarimo. A idea tiña, brevemente ―malia o tempo que precisa― a seguinte secuencia: sementar de novo trigo na aldea; atendelo durante meses; e, crecido o trigo, realizar primeiro a sega e logo a malla. Como antes, de novo, convocar a comunidade e xuntala para celebrar. A sega, a malla, a vida. Así, o revisor da Renfe da ruta Ferrol-Ribadeo matinaba o anuncio dunha nova sega e malla até constatar que o corzo "esnaquizou todo" na Finca O Porto. Á xunta da noite, percorremos Vilar de Mouros para reconstruír cando a sega e a malla formaban parte do cotiá. 

[Poderás ler a reportaxe íntegra  no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario deste sábado, 16 de agosto. Resérvao no teu quiosque ou subscríbete ao xornal!]