Dá positivo unha traballadora do xeriátrico de Xove

Hai 126 persoas internas nesa residencia da Mariña.

O positivo por coronavirus dunha traballadora obriga a pechar ás visitas un xeriátrico de Xove. Os 126 internos serán sometidos a probas PCR. 

A traballadora reside en Viveiro e recibiu hai uns días a visita duns familiares procedentes de Hospitalet de Llobegrat, Catalunya

Un deles desenvolveu síntomas, e por esa razón lles fixeron as probas a todas as persoas con que estivo en contacto.

Os usuarios da residencia de maiores serán sometidos esta sexta feira ás probas PCR para desbotar posíbeis contaxios, segundo informou a Efe o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro.

O rexedor que falou nas últimas horas coa directora da residencia, explicou que "as compañeiras que están na mesma quenda" que a traballadora infectada, catro en total, "están xa en corentena", tendo en conta que o contacto entre elas é máis estreito.