Dá positivo un maior da residencia DomusVi de Matogrande na Coruña

Familiares acudiron o día 15 de xuño a visitaren residentes nas instalacións de DomusVi San Lázaro, en Compostela. Imaxe: Arxina

As residencias non tiñan ningún caso positivo entre os maiores desde o 30 de xuño.

Un maior usuario da residencia  Domusvi de Matogrande, na Coruña, deu positivo por coronavirus, de acordo cos datos actualizados este sábado polas consellarías de Sanidade e Política Social.

Ademais, seguen figurando como casos activos relacionados coas residencias de maiores os de dúas persoas traballadoras: unha muller empregada na Residencia de Maiores San Bartolomeu de Xove e un traballador da Residencia de Maiores de Paradela.

As residencias non tiñan ningún caso positivo entre os maiores desde o 30 de xuño.

Precisamente, entre as medidas adoptadas para a área sanitaria da Coruña-Cee están a suspensión das visitas e saídas das residencias e o fechamento dos centros de día. Na área hai este sábado un total de 246 casos activos, 69 máis que onte, parte dos cales están relacionados cun gromo vinculado a un ximnasio en Meicende, no municipio de Arteixo.