Xoán Louzao

“O da mina en Touro é un primeiro paso dun proxecto máis amplo”

mina o touro o pino

O proxecto para recuperar a explotación mineira en Touro leva semanas mobilizando á veciñanza da comarca, consciente do forte impacto desta actividade. Falamos con Xoán Louzao, concelleiro do BNG en Touro e un dos rostros desta loita veciñal. “Tras a mina de Touro está unha multinacional que non ten ningún interese aquí que non sexa extraer o cobre e vendelo a quen máis pague”.

 

- Xa van varias semanas de mobilización veciñal fronte a un proxecto sobre o que desde un primeiro momento alertastes das graves repercusións que podía ter non só en Touro e O Pino, senón na comarca e mesmo máis alá.

- É un proxecto cuxa gravidade non debemos perder de vista e por varias razóns. A primeira, porque sabemos o que xeran este tipo de minas, temos o antecedente da explotación entre o 1973 e 1986 desta mesma mina que agora queren recuperar. Unha explotación que nos deixou todos os ríos da contorna contaminados e os terreos degradados.

Tamén é grave porque estamos a falar dun proxecto que abrangue unha superficie de case 700 hectáreas, a maior parte das cales son terreos non mineiros, son agrícolas e forestais. Unha terceira cuestión é que é un proxecto de minería a ceo aberto, o que máis impacto ten. O proxecto contempla unha duración de 16 anos e medio e prevé mover 267 millóns de toneladas de material para extraer 656.000 Tm de cobre. Iso quer dicir que van estar 14 anos ininterrompidamente, todos os días do ano, todas as horas do día, con actividade mineira. Incluíndo de media seis voaduras cada día.

 

- Datos que indican que o impacto non é pequeno...

Hai máis, como que van deixar unha balsa de dimensións enormes cos lodos cos produtos que empregan para extraer o cobre: un muro de 80 metros de alto, un perímetro de 3 quilómetros e unha superficie de 126 hectáreas. O proxecto implica ademais a afectación a moitos mananciais para consumo doméstico, incluído captación que ten o concello de Touro para a traída de de auga.

 

- Lembrabas antes que a mina xa foi explotada entre 1973 e 1986. Quen está agora detrás do proxecto para reactivala?

- A propietaria do xacemento actualmente é Explotaciones Gallegas, unha empresa de aquí. Ela é a propietaria da concesión e asociouse cunha multinacional, Atalaya Mining, creando a empresa Cobre San Rafael, participada en 20% por Atalaya e 80% por Explotaciones Gallegas. Mais no acordo establécese que no momento en que teñan a concesión, todos os permisos, Atalaya farase co 80% de Cobre San Rafael e Explotaciones pasará ter o 20%. Quen é Atalaya Mining? Pois unha multinacional participada por unha empresa de cobre chinesa, unha mineira suíza, un fondo de investimento... Ou sexa, unha multinacional que non ten ningún interese aquí que non sexa extraer o cobre e vendelo directamente a quen máis pague, pois nin sequera se vai transformar.

 

- Ficarían beneficios aquí?

- A empresa fala de que crearía 400 ou 500 postos de traballo mais non sabemos con que criterio dan esta cifra, non explican nin argumentan nada. Dubidamos moito que fiquen na metade, vendo o que pasa en proxectos semellantes, como o de que esta mesma empresa ten en Huelva. A cambio disto, ficamos con toda a contaminación, entulleiras, afectacións a terreos,...

 

- Cando se presentaron as 1.500 alegacións individuais de veciños a este proxecto desde a Xunta anunciaron que ían recadar información sobre o mesmo.

- Nós fomos ao Parlamento de Galiza para falar cos grupos parlamentares. Xa se presentaron iniciativas sobre este tema, tanto polo BNG como en En Marea. A Xunta o que di é que hai que cumprir coa legalidade. Limítase a dicir iso.

No concello de Touro o goberno local é do PP e sempre estiveron de acordo coa mina. Houbo un pleno extraordinario e o BNG levou unha moción para 4rexeitar este proxecto e a actividade mineira, así como instar a empresa a que restaurase o que deixou contaminado cando marchou hai 30 anos. O PP pasou do si á mina a aceptar algunhas cuestións, como non aceptar este proxecto mineiro. Un cambio que se debe á presión veciñal.

 

- Tivestes algún contacto coa empresa?

- A empresa tivo contacto coa corporación local ao inicio de todo e cos veciños máis afectados dunha parroquia. Despois fixeron xuntanzas cos veciños en Touro e O Pino e aí fomos vendo que a empresa ía cambiando o discurso sobre a marcha. Segundo se lle ía atacando por un lado ou por outro ían adaptando ás circunstancias. Iso aínda nos preocupa máis, déixanos menos tranquilos.

Temos claro que este é o primeiro paso dun proxecto moito máis amplo. O proxecto céntrase agora en 700 hectáreas mais teñen máis de 2.000 hectáreas concedidas e a concesión é ata 2068. A empresa está a facer máis exploracións para buscar cobre nunha superficie de 120 quilómetros cadrados: afecta Boqueixón, Santiago de Compostela, Touro, O Pino...