Da eventualidade laboral á seca, as chaves desta campaña de incendios "perigosa"

Incendio en Folgoso do Courel (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Un terzo do dispositivo só traballa seis meses e focados na 'extinción'.

O 1 de xullo arrincou oficialmente a tempada de alto risco de incendios forestais na Galiza, que abrangue de xullo a setembro, e no que se mobilizarán por volta de 7.000 efectivos. O alto risco no Galiza contempla, ademais, un mes 'extra' para aquelas situacións fóra dos tres meses citados anteriormente, que requiran dispositivos especiais.

Non hai que perder de vista a 'desestacionalización' en anos anteriores dalgún dos incendios máis devastadores, con miles de hectáreas ardidas en outubro ou marzo. Un reto maiúsculo, recoñecen os profesionais que combaten o lume en primeira liña, ao que o dispositivo deseñado desde a Xunta e que se concreta no Pladiga —Plan de loita contra o lume da Galiza—, non sempre dá resposta. A través de cinco chaves, e das voces do propio sector, Nós Diario analiza unha campaña de alto risco que, como os propios profesionais recoñecen apunta a "perigosa".

1.— Un terzo do dispositivo, "eventual". Mil dos 3.000 traballadores do dispositivo contra incendios que dispón a Xunta da Galiza só están contratados por seis meses. "Iso fai que o seu labor estea enfocado cara á extinción, con pouca marxe de facelo na prevención, que é o que debería ser", sostén Aser Tobío, 'emisorista' [encargada das comunicacións] forestal e responsábel da CIG no sector. "Este é un sector", lamenta, "con moito eventual, moito interino; e iso tamén repercute nos propios operativos".

2.— Ducias de prazas sen cubrir. A principios de xuño David López, da Asociación profesional de bombeiros forestais da Galiza (Apropiga), denunciaba a Nós Diario que por volta de 300 prazas de bombeiros forestais estarían sen cubrir. López, de novo en conversa con este medio, afirma que nestas semanas cubríronse "bastantes" prazas vacantes mais que segue a haber un número importante, "varias ducias", sen asignar. Iso tradúcese en brigadas "incompletas", que en vez de operar coas sete persoas das que deben dispor "fano con 5 ou 6", con todo o que iso supón a nivel, por exemplo, "de seguridade no combate contra o lume", remarca David López.

3.— "Que a climatoloxía axude", o máis importante. J. D. —pide que se dean só as iniciais—, brigadista nun distrito do suroeste da Galiza e que acumula anos de experiencia, incide na importancia do clima por riba de calquera dispositivo. "Os modelos de predición dannos na Galiza un verán seco e de temperaturas altas", apunta. E a iso engade a "seca prolongada", o que resulta nunha combinación para "se preocupar".

4.— Un plan que "non é realista". Para bombeiros forestais como os representados en Apropiga, e así o trasladan a Nós Diario, o Pladiga "non é realista". Carece, din, "dos medios humanos necesarios para que haxa unha planificación efectiva".

5.— Á marxe do deseño do rural. "Un rural habitado e vivo é a mellor garantía contra os incendios", afirma J. D. Entidades como a Alianza por un Monte Galego denuncian, porén, que a política forestal da Xunta é "a contraria".