Antom Santos, ex preso independentista

"Da cadea non saes con ningunha fórmula máxica para o independentismo"

Antom Santos

No Sermos Galiza 263 conversamos con Antom Santos, ex preso independentista galego. Unha entrevista sobre a súa experiencia na prisión, sobre a súa reincorporación á sociedade galega após máis de cinco anos de reclusión e sobre as perspectivas de futuro que se abren perante o proxecto político que el defende para a Galiza. Eis un extracto da conversa.

Antom Santos é un ex preso político de 38 anos que pasou cinco e pico na cadea e volveu ao país cunha mensaxe: “Non esaxeremos as dificultades que temos, que son grandes, pero tamén o son para moitos sectores sociais en moitas partes do mundo. Fuxamos do vitimismo”. Hoxe milita en Causa Galiza, leva un anel do seu casamento con María Osorio, outra presa política que segue na cadea, e un teléfono móbil de botóns e sen whatsapp como proba da paréntese que sufriu a súa vida. “Tampouco este bar está no mesmo sitio que estaba”, di antes de comezar a entrevista.

 

-Que é o cárcere?

 

-É unha institución para recluír a xente que non ten lugar nesta sociedade, fundamentalmente por razóns de clase e de pobreza. Segrega fisicamente e intenta formarte en lóxicas de obediencia total, para que o ser humano se comporte como unha máquina que recibe estímulos de submisión e, en función de como responde, recibe certos beneficios. Non só castiga, senón que tamén atrofia, faite perder habilidades sociais e pode provocar problemas psicolóxicos.

 

-Pode describir algún mecanismo desa submisión?

 

-Son pequenas cousas. Por exemplo, entréganche a comida por unha ventá a media altura pola que só colle a bandexa. Tíranche despois a roupa que vén da lavandería enriba da comida. Miras por aquel burato e pides por favor se poden abrir a porta para darche a roupa na man. Algúns facíano, outros non. As veces pensas que es un paranoico. Que non están indo por ti. Se consegues estar unha etapa longa nun mesmo sitio, cunhas condicións minimamente dignas, tes certa paz. Os cambios continuos rómpente. A min, nun ano, varias veces, cambiáronme de módulo, de prisión... E unha ruptura de estabilidade emocional.

 

-Por que entrou na cadea?

 

-Foi en novembro de 2011. Detiveran unha serie de militantes en Compostela e Vigo. Eran operacións que se viñan repetindo. Un venres pola noite caín eu e despois María, a miña compañeira. En Lugo, onde residíamos. Facíamos unha vida normal e pública. Tivemos sorte, entre aspas, porque o luns xa estabamos declarando na Audiencia Nacional. A lei antiterrorista permite até cinco días de incomunicación. Estás legalmente desaparecido e ficas totalmente desorientado.

 

-Aplicáronlle a lei antiterrorista. É vostede un terrorista?

 

-Os meus compañeiros e eu, porque isto é unha cuestión colectiva, recoñecemos no xuízo a nosa militancia no independentismo. Somos militantes políticos, sen máis, e facemos o noso traballo político á luz do día. Entón, a palabra terrorista queda fóra de lugar, é totalmente imprecisa para definirnos.

 

[A íntegra desta entrevista, unha dupla páxina, aparece no Sermos Galiza 263, disponíbel na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]