Da Barbanza ao Ribeiro: as brigadas deseucaliptizadoras esténdese polo país

Nova acción das brigadas: 26 de maio, tombar acacias en Cenlle.

 

No Ribeiro a proliferación da acacia debido aos incendios e abandono convirteuse nun problema de primeira magnitude. De aí que a actuación que vai realizar a recén constituída Brighada do Ribeiro das brigadas deseucaliptizadoras sexa o de eliminar pés de acacia na aldea de Lentille, no concello ourensán de Cenlle, tal e como explican desde a web de Verdegaia. Vai ser o 26 de maio e toma o relevo ao lanzamento público e primeira acción das brigadas, que foi o pasado 21 de abril en Froxán (Lousame).

 

“A intervención centrarase nunha parcela de Lentille orixinalmente vinculada á igrexa e que leva en estado de abandono desde os anos 1970. Os actuais propietarios pretenden recuperar os valores naturais da mesma así como os canais e pozos de rego antigos, coa súa biodiversidade asociada”, sinalan desde Verdegaia.

 

Para participar nesta acción é imprescindíbel en primeiro lugar estar inscrito como Brigadista no proxecto, o que se pode facer na propia web, e ademais de indicar o compromiso expreso de acudir á convocatoria de 26 de maio mediante correo a brigadas@verdegaia.org O límite de persoas participantes fíxase en 30 para facilitar os traballos de modo que se irán cubrindo por orde de inscrición. A data límite para apuntarse é o 20 de maio.

 

As brigadas “teñen como obxectivo mobilizar, organizar e coordenar persoas de todo o País con vontade de realizar accións de voluntariado ambiental en colaboración coas titulares de terreos con valores ambientais degradados ou ameazados pola eucaliptización e outras especies exóticas invasoras”, indican.

 

Organízanse de xeito comarcal ou local, sumando grupos de persoas voluntarias baixo unha estratexia, metodoloxía e coordenación común. Cada intervención no territorio é rexistrada nun visor xeográfico que permite o seu seguemento público e cuantificación a longo prazo do impacto do proxecto.