Elevada participación

A CUT volve gañar as eleccións sindicais no principal centro de traballo da CRTVG

As instalacións da CRTVG en San Marcos (Santiago de Compostela). Foto: cedida.

O sindicato CUT é a forza con máis delegados en San Marcos (Compostela), o principal centro de traballo da CRTVG. Así o decidiron os traballadores e traballadoras nas eleccións desta terza feira, en que houbo unha elevada participación: votaron 630 persoas dun censo de 866, un 73,44%.
 

Aos seis delegados da CUT (29,61%) -sobe un 2,10% respecto de 2015- séguenos os cinco de USO (22,53%) -sobre un 4,26%-, os catro da CIG (18,09%) -sobre un 0,35%-, outros tantos de Comisións Obreiras (17,60%) -baixa un 0,98%- e dous de UXT (12,17%) -baixa un 2.03%. A única mudanza no reparto sobre o mandato que expira atinxe a USO, que pasou de catro a cinco cun programa en que prometeu rematar “coa confrontación por sistema. A USO prefire negociar, dialogar e acordar como ferramenta para mellorar as condicións laborais e económicas” do cadro do persoal.

Tamén houbo votacións nas delegacións da Coruña e Ourense, onde a CUT se fixo cos catro representantes en xogo. En Lugo, que xa escolleron a súa delegada sindical a pasada semana, tamén foi para a CUT. A sexta feira 14 de xuño será a delegación da CRTVG de Vigo a que elixa os seus tres representantes. Unha vez rematen todas as eleccións conformarase un comité Intercentros de 13 membros.

 

Situación conflitiva

A posición de USO é significativa dado os intensos conflitos que vive a compañía pública de radio e televisión e que afectan ao ámbito laboral e informativo. Paros parciais e unha folga axitaron a situación ao longo dos últimos meses. Empregados e empregadas organizados na plataforma Defende a Galega levan ademais un ano de protestas contra a manipulación informativa e a inxerencia gobernamental no traballo xornalístico nos chamados #VenresNegros.

É xustamente Defende a Galega a que organiza esta quinta feira, 13 de xuño, unha mesa redonda baixo o epígrafe Para que? Para quen? Públicos, privados, concertados. O xornalismo a debate. Será no Museo das Peregrinacións de Compostela ás sete e media da tarde, moderará o xornalista Luís Villamor e participarán os seus colegas Luís Álvarez Pousa, Sonia Vizoso, Margarita Ledo e Virxilio Costas.