A CUT interpón demanda de conflito colectivo no TSXG contra Radio-Televisión de Galiza

O sindicato responsabiliza á dirección da compañía CRTVG  de ''instaurar o autoritarismo nas relacións laborais e limitar gravemente os dereitos das profesionais da información''.

A resolución do 10 de xaneiro do director xeral da CRTVG, pola cal se adoptan medidas relativas, entre outras, ás comunicacións dos traballadores, supón para o sindicato maioritario, a CUT, unha serie de graves vulneracións. “Dos dereitos de liberdade sindical, liberdade de prensa, segredo profesional, confidencialidade das fontes de información, segredo das comunicacións, dereito de intimidade...”, apontan desde a asesoría xurídica da Central Unitaria de Traballador@s.

En base a iso, a CUT presentou na mañá desta cuarta feira a demanda contra a Compañía Radiotelevisión de Galiza pola Resolución da Dirección Xeral “que instaura o autoritarismo nas relacións laborais e limita gravemente os dereitos das profesionais da información”.

Raquel Lema, responsábel da CUT nea CRTVG denuncia que “estamos a sufrir unha estratexia de manipulación e silenciamento por parte da dirección de todas as voces disidentes”. Para Lema, “esta resolución non se podería entender sen as previas mostras de altura moral e xenerosidade dun persoal comprometido en denuncias públicas como as que se están a realizar dende iniciativas como o blogue eunonmanipulo dunha política sistemática de manipulación informativa que xa fede”

"Volta á idade Media"

“É unha volta á Idade Media para todos os traballadores e traballadoras”, afirman na CUT. ”Impídese o acceso coas súas ferramentas propias de traballo e pola outra intervéñense todas as súas comunicacións, desvelando aos ollos da empresa toda a súa actividade sindical e profesional”.