A CUT convoca folga de mulleres no 8M por cuarto ano consecutivo

Imaxe de aqruivo
Baixo o lema “Todas con dereitos, ningunha con medo”

A Secretaría das Mulleres da CUT anuncia a convocatoria de folga xeral de mulleres para este 8 de marzo baixo o lema “Todas con dereitos, ningunha con medo”. Deste modo, este 8 de marzo transcorrerá a cuarta folga xeral de mulleres convocada consecutivamente por esta central sindical en Galiza.

No acto de rexistro da convocatoria de folga ante a Xunta estiveron presentes traballadoras do sector da conserva que denunciaron “o difícil que é conciliar a vida laboral e a dos coidados, sexa unha cativa ou un familiar maior”.

“Cando entramos a traballar, non hai ningún sitio público que se faga cargo dos nosos familiares ao cargo”, advirten e reclaman solucións ante o Goberno galego. As traballadoras da conserva esixen máximo respecto pola súa saúde ante a covid19 e o absoluto respecto polas súas condicións de traballo.

“Como central sindical, sentímonos orgullosas de convocar por cuarto ano consecutivo folga xeral de mulleres, de loitar por todas e de fortalecernos as unhas ás outras. Imos por todas e a por todas!”, reivindican dende a Secretaría das Mulleres da CUT.

Dende a CUT inciden na loita das mulleres obreiras e o feminismo de base “ante a expansión da extrema pobreza e da represión a raíz da covid-19”.

“As obreiras, sexa asalariadas ou non, estamos en pé e decididas a a loitar por todos os dereitos para todas as persoas até que ningunha, absolutamente ningunha, teña medo”, sosteñen as sindicalistas e feministas que chaman á unión do feminismo de base na loita contra este sistema patriarcal e capitalista. “