Continúa baixo custodia policial o presunto parricida de Muros, á espera de declarar nos xulgados

Vivenda na que se produciu o crime, en Esteiro (Muros). [Foto: César Arxina / Europa Press]
As autoridades investigan agora o atopado no inmóbel, así como uns vídeos en redes sociais do detido nos que aparece con varias armas e nos que profire ameazas.

O mozo de 19 anos que foi detido este sábado como presunto autor do homicidio do seu pai, de 59, cuxo corpo foi localizado na pasada madrugada no seu domicilio de Esteiro, en Muros, permanece este domingo baixo custodia policial na comisaría de Boiro, á espera de pasar a disposición xudicial. Segundo informa a axencia Europa Press, está previsto que até esta segunda feira non se produza o paso ante o xuíz.

Nestes momentos, o persoal investigador continúa avanzando nas dilixencias da investigación, que asumiu a Policía Xudicial de Noia. A inspección ocular do domicilio deuse por concluída este sábado.

Agora investígase o atopado no inmóbel, así como uns vídeos en redes sociais do detido nos que aparece con varias armas e nos que profire ameazas. O mozo, polo momento, non recoñeceu os feitos e tampouco se localizou a arma coa que se cometeu o crime, se ben os primeiros indicios apuntan a unha machada ou outro obxecto de características semellantes.

Signos de violencia

O persoal sanitario do 061 confirmou a morte con claros signos de violencia a primeira hora do sábado. A alerta sobre a existencia dunha agresión e unha persona ferida nunha vivenda deste municipio de Esteiro chegou contra as 00.42 horas da madrugada do sábado.

Ao lugar do suceso acudiron unha ambulancia asistencial de soporte vital básico, así como persoal médico do centro de saúde de Muros. O propio rapaz foi tamén atendido polos sanitarios no lugar e dado de alta alí mesmo.

O falecido, moi coñecido na zona

Fontes municipais consultadas por Europa Press indicaron que o home falecido era "moi coñecido" porque Esteiro é "moi pequeno" e rexentara un bar situado, precisamente, no baixo do inmóbel no que se produciu a mortal agresión. Na actualidade, o negocio estaba fechado.

As mesmas fontes precisaron que houbo veciños que, horas antes de que transcendese o suceso, escoitaron golpes na vivenda. E que habitualmente, na mesma, había discusións, que atribúen a que o mozo "tiña problemas".