Unha escolma do papel / debates 2x5

Custodia compartida como réxime preferente nunha separación?

Yoya Neira e María Xosé Bravo confrontan as súas visións a respeito da custodia compartida.

A garda e custodia compartida cando non existe acordo entre persoas proxenitoras está no centro do debate social e protagoniza a segunda entrega da sección 5×2, que Sermos Galiza leva ás súas páxinas para celebrar o V aniversario da publicación. Convidamos María Xosé Bravo, licenciada en Psicoloxía, experta en Mediación e ex edila do BNG no Concello da Coruña, e Yoya Neira, avogada, nai de tres crianzas en réxime de custodia compartida e concelleira do PSOE na Coruña a debater sobre se a custodia compartida debe ser ou non preferente.

 

Sermos Galiza. Para comezarmos o debate, María Xosé Bravo, consideras que a custodia compartida ten que ser o réxime preferente nas separacións?

 

María Xosé Bravo. Non estou en contra da custodia compartida, é dicir, de que os proxenitores decidan de maneira conxunta o xeito de regular a convivencia das fillas e fillos, mais hai que facer unhas indicacións terminolóxicas. En custodia compartida, a palabra forte é “compartida”, é dicir, dúas persoas póñense de acordo após unha separación para regular a convivencia, pensando nos menores e nelas mesmas. Falar de custodia compartida imposta, até desde o punto de vista terminolóxico, é moi oposto, porque a palabra “imposta” non parece casar ben con compartida.

 

SG. Que opina da custodia compartida “imposta” Yoya Neira?

 

Yoya Neira. Hai unha utilización un pouco retorcida da linguaxe. Cando dúas persoas deciden poñer fin á súa vida en común e teñen fillos, indubidabelmente, salvo que os acordos sexan contrarios aos intereses do menor, ninguén ten que dicirlles como se regulan, pero calquera custodia é imposta no momento en que un dos dous, ou ambos, deciden que a custodia ten que ser para si ou compartida, en caso de que un o decida así e outro non. Polo tanto, é imposta, porque entran nun contencioso, van a un xuíz e é a súa señoría quen decide, en base ás circunstancias que lle presentan e á práctica da proba. Un xuíz imporá que a custodia é materna, paterna ou compartida. Iso impono un xuíz. Cando se falaba de custodia compartida imposta cun pouco de rigor? Cando o PP, en 2013, presenta un anteproxecto en que se formula a posibilidade de que sexa o xuíz quen decida que se pode dar custodia compartida aínda no caso de que ningún dos dous a pida. Iso ten un ditame desfavorábel do Consello de Estado e retírase. Eu estou a favor da custodia compartida preferente. Cando non hai mutuo acordo, o punto de partida do xuíz debe ser a custodia compartida e creo que debe existir unha lei que así o regule.

 

María Xosé. Eu fago unha distinción entre patria potestade e garda e custodia. Polo tanto, cando falamos de corresponsabilidade, pero de dereitos e obrigas, no que ten a ver coa educación dos fillos e co seguimento, iso xa o recolle o ordenamento xurídico. Aquí xa hai estas dúas figuras contempladas así e nais e pais teñen obrigas e dereitos sobre o seguimento, sobre a educación, sobre a convivencia… e iso non o teñen países da nosa contorna.

 

Yoya. Son cousas diferentes, a patria potestade é compartida e permíteche tomar decisións fundamentais sobre a vida dun menor.

 

María Xosé. Eu pregúntome, quen vai ser a administración que vixíe esa cuestión tan subxectiva como é a custodia? Eu, que quede claro, en ningún momento estou a esixir a custodia exclusiva para as nais, en absoluto. O feminismo, nese sentido, defende unha custodia compartida entendida como corresponsabilidade, pero a corresponsabilidade ten que vir antes da separación. Verdadeiramente, na nosa sociedade os homes non se ocupan dos coidados igual que as mulleres. Así o recollen as estatísticas do INE ou do Instituto da Muller, e desde hai moito tempo nada se mellorou. Os coidados seguen a ser obriga exclusiva das mulleres e parece que no momento da separación, un dos cónxuxes decide que quere ser responsábel. Se fosen corresponsábeis sempre,se cadra, non se chegaba a ese conflito.

 

Yoya. É certo que aquí hai unha regulación diferenciada do que é a patria potestade e a garda e custodia. A patria potestade é compartida na meirande parte das ocasións e afecta a decisións transcendentes da vida dun menor. A garda e custodia é o réxime de convivencia diaria, o que distingue o pai dunha axencia de Port Aventura as fins de semana. E aí o Supremo fixo o que non tivemos a valentía de facer os grupos políticos, porque existen grandes discrepancias ao redor da regulación para estabelecer a custodia compartida como réxime preferente. Son posturas moi diferentes porque tocan quizais o máis sensíbel que un ten: a crianza dos fillos. Desde o 2013, o Supremo xa di, a diferenza do Código Civil, que o réxime de custodia compartida non vai ser o excepcional, ten que ser o desexábel, o normal, e teñen que darse unha serie de circunstancias para iso. E unha delas é como foi a relación de pais e nais previa á separación. Se o pai contribuíu ao coidado dos menores ou non o fixo, se o fixo en maior ou menor medida,se responde exclusivamente a unha distribución dos roles aceptada por ambos ou a un desleixo… E en base a todo iso outórganse ou non as custodias compartidas. É moi difícil ser pai cunha fin de semana e un par de visitas entre semana. Claro que aquí hai outras cuestións. Colectivos anticustodia compartida din que en moitas ocasións o que subxace detrás de tantas peticións de custodias compartidas é o tema dos alimentos, de rebaixar as pensións alimentarias. Iso é descoñecer a realidade.

 

SG. En cambio, a custodia compartida non exime do pago dos alimentos, non?

 

Yoya. Así o di o Supremo, ti podes solicitar unha custodia compartida do teu fillo pero se te atopas nunha situación económica moito máis favorábel que a da túa ex parella vas ter que contribuír cos alimentos. En moitas ocasións, hai unha cerrazón absoluta á custodia compartida por dúas razóns: en primeiro lugar, porque as mulleres temos un sentimento de propiedade cos fillos que ás veces roza o patolóxico e por un tema económico, porque quen ten os fillos ten a vivenda, e tena até o final, e con independencia de que sexa propia, fose cedida por parte dos avós ou se estea pagando a hipoteca. En ningún momento, os fillos poden supoñer a salvagarda económica dos pais nin das nais. Se nós, casados, decidimos pactar voluntariamente o reparto das tarefas dunha determinada maneira, agora é diferente. Eu non cociñei na vida, agora teño que cociñar; eu non ía ao fútbol na vida, agora teño que ir.

 

María Xosé. Cando falamos de corresponsabilidade, pareces partir dunha sociedade idílica, igualitaria en canto a obrigas e deberes de mulleres e homes, e non é así. E é importante que teñamos este debate agora, nunha sociedade en que os coidados foron sempre exercidos polas mulleres. O que ti dis, “sentímonos propietarias dos fillos”, iso é moi, moi inxusto. A pregunta é, cantos piden a custodia compartida? Dise que, aproximadamente, un 10%. Non hai custodias compartidas porque non se solicitan. E non se solicitan porque estamos nunha sociedade tremendamente desigual. E ir cunha ILP [refírese á proposición de lei, por iniciativa lexislativa popular, de corresponsabilidade parental e de relacións familiares no cese da convivencia] que sobredimensiona o aspecto económico…

 

SG. Por que o dis, María Xosé?

 

María Xosé. De seis capítulos dos que se compón a ILP dedícalle un enteiro á vivenda. No fondo, o que se conta é “queremos a custodia compartida imposta porque a muller queda coa vivenda que era dos dous…”. Este é un momento económico moi difícil onde hai xente, con postos de traballo, xa non falo de desempregadas e desempregados, que está nunha situación de pobreza e atópase con que non ten vivenda. O xeito en como a ILP regula isto levaranos a uns problemas de moita gravidade… que estaremos na rúa en contra dos despexos, de nais con fillas e fillos, un día si e outro tamén.

 

Yoya. O dereito á vivenda, María Xosé, non pode ser infinito. Sempre vemos esa parte, pero a xustiza non só se ve desde un punto de vista. Estou a favor da ILP, pero é un texto mellorábel. É certo que estamos nunha non igualdade real, as mulleres collen as reducións de xornada porque o seus salarios son máis baixos… pero o elemento corrector non pode ser quen queda cos fillos.

 

María Xosé. Eu se vivísemos nunha sociedade igualitaria… A defensa da corresponsabilidade sempre a defendín, pero falamos de que nun momento de ruptura alguén impoña unha custodia compartida, en contra do parecer das partes. E nunha sociedade onde a pobreza ten nome de muller. A ILP sobredimensiona o problema económico, non vai sobre os dereitos das nenas e nenos a que seus pais exerzan sobre eles a educación.Nunha separación, deberiamos buscar fórmulas que rebaixen o nivel de conflito e dor e a custodia compartida parece, desde logo, aumentar o nivel de conflito e de dor e de control das administracións.

 


 

E en casos de violencia machista?

 

Outra das cuestións que dividen colectivos a favor e en contra da custodia compartida como réxime preferente ten a ver coa violencia machista. María Xosé Bravo alude ao artigo 9.5 da ILP “Lei de Corresponsabilidade Parental”, “fálase de denegar a custodia compartida no caso dunha persoa condenada penalmente e en sentenza firme por un delito de violencia” E logo dunha denuncia e mentres non hai sentenza? Este texto é un retroceso, a lei actual fala de “indicios fundados de violencia” para denegar a custodia compartida. Se temos que esperar a sentenza firme… Debería tomarse esta medida cando exista unha denuncia. Yoya Neira explica que “a mera denuncia” non a recolle nin o Código Civil nin ningunha lexislación autonómica. “Entre a denuncia e a sentenza hai varios estadios procesuais”, engade. Neste punto, amósase partidaria de seguir “a redacción actual do 92.7 do Código Civil ou as demais lexislacións autonómicas”. É dicir, “non se dará a custodia compartida cando o xuíz teña indicios de violencia de xénero”.

 

Este debate apareceu no Sermos Galiza nº 244, publicado a 4 de maio de 2017.