"Os cús grandes están de moda": A Comisión de Igualdade da CRTVG denuncia a difusión dun novo contido machista

Chío da CRTVG denunciado pola Comisión de Igualdade. (Foto: Nós Diario)
A Comisión Negociadora do Plan de Igualdade da CRTVG insiste na necesidade da creación da figura da Editora de Igualdade, ante "a reiteración deste tipo de contidos na CRTVG e a falta de reacción e compromiso por parte da actual dirección".

A Comisión Negociadora do Plan de Igualdade da Corporación de Radio Televisión da Galiza (CRTVG) vén de facer público un comunicado no que denuncia a emisión de contido machista no programa Fun polo Aire da CRTVG.

A reportaxe da que fai conta a comisión "teima en cosificar, sexualizar e reproducir" unha imaxe estereotipada da muller relacionada con “como conseguir uns glúteos perfectos”.

As representantes sindicais subliñan que, "se ben o ben o programa está elaborado por unha produtora audiovisual externa, a CRTVG é a responsábel do control dos contidos que se emiten, ao igual que dos termos nos que se publicitan e difunden estes contidos nas redes".

Neste sentido, a Comisión de Igualdade fai referencia á difusión da reportaxe que a CRTVG fixo nas súas redes sociais. Nomeadamente na conta de Twitter do ente público, cun chío no que se chega a aseverar que "os cús grandes están de moda".

CRTVG non retira o chío

As representantes da parte social na Comisión Negociadora do Plan de Igualdade solicitáronlle CRTVG a retirada do chío, sen que esta retirada se producira no momento de redactar a información.

 Posteriormente, as representantes do persoal urxiron a estabelecer desde a Dirección da Área de Contidos da CRTVG contacto coa produtora para evitar que se repitan estes contidos inapropiados, e pedíronlle á Xefa do Servizo de Extensión Audiovisual que ordease a retirada deste contido das redes propias.

Porén, a comisión denuncia que se atopou coa negativa das diferentes xefaturas interpeladas, que se escusaron na "falta de competencias en materia de contidos".

Editora de Igualdade

A Comisión Negociadora do Plan de Igualdade da CRTVG insiste na necesidade da creación da figura da Editora de Igualdade, ante "a reiteración deste tipo de contidos na CRTVG e a falta de reacción e compromiso por parte da actual dirección".

"Mentres a dirección non demostre un compromiso real coa loita contra o machismo e a prol da igualdade en todos os seus aspectos, carece de sentido a publicación sobre o papel dun Plan de Igualdade que, contra o que argumenta a empresa, debe trascender o ámbito estrito das relacións laborais e abordar de vez a cuestión dos contidos que, nos medios públicos de comunicación do país, deben ser aínda se cadra máis escrupulosos e respectuosos".

Segundo a Comisión de Igualdade, a inacción da dirección da CRTVG vulnera o principio recollido nos Criterios Reitores da Dirección Editorial da Corporación, no que se estabelece "a integración da perspectiva de xénero, o fomento de acción positivas e o uso de linguaxe non sexista”.