A curva de contaxios segue a descender malia a repunta de casos novos

Varias clientas nunha terraza da Mariña. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Galiza suma no que vai de semana perto dun millar menos de novos contaxios a respecto da semana anterior. A Covid, segue a frear na Galiza, mais todo apunta a que baixa a un ritmo menor do que subiu.

Os contaxios de Covid-19 volveron a repuntar por riba do milleiro na Galiza tras dúas xornadas por baixo desa marca. Así, o Sergas anotou 1.041 novos positivos que malia todo garanten un novo descenso dos casos activos, que se sitúan en 18.622. 

Maior presión en UCI

Segundo os datos actualizados na mañá desta cuarta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros de até as 18 horas da terza feira, o número total de persoas ingresadas pola Covid-19 nos hospitais galegos non muda a respecto do día anterior. Hai 303 doentes cunha PCR positiva que precisan asistencia médica. Deles, 46 permanecen en UCI -catro máis-, mentres que os hospitalizados noutras unidades redúcense a 257 -catro menos-. Ademais, hai 18.319 pacientes en seguimento nos seus domicilios.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende nas de Lugo e Pontevedra e aumenta nas cinco restantes.

Menos casos activos

Os casos activos de Covid-19 seguen en descenso por terceira xornada consecutiva e baixan a 18.622, 149 menos que o día anterior. Con respecto a hai unha semana, Galiza suma 87 infeccións activas máis que as 18.535 do pasado 28 de xullo.

Por áreas sanitarias, os casos activos descenden en Pontevedra (-191), Ourense (-51), Santiago (-44) e Lugo (-19), mentres que aumenta en Vigo (+56), A Coruña (+53) e Ferrol (+47).

Así, con máis infeccións activas mantense a área de Vigo, con 4.646; seguida da da Coruña , con 4.144; Pontevedra , con 2.703; Santiago, con 2.216; Lugo, con 2.212; Ourense, con 1.664 e Ferrol, con 1.037.

Repunta nos contaxios

Os novos contaxios volven sobrepasar a barreira dos mil despois de dúas xornadas por baixo desa marca. Sanidade notifica 1.041 positivos novos que alcanzan os 1.074 confirmados por Probas Diagnósticas de Infección Activa con casos activos de xornadas distintas ás que se realiza unha nova proba diagnóstica.

Con todo, no que vai de semana Galiza anota 854 contaxios menos dos que acumulaba á mesma altura, sete días atrás. Iso si, coa taxa de positividade disparada, de novo, na contorna de 15%, moi lonxe de 5% que fixa a OMS para dar por controlada a pandemia.

Con estes datos, a evolución epidemiolóxica segue a marcar unha tendencia descendente, que  avanza máis devagar que ascenso que deu pé a quinta vaga da Covid e que manterá a partir do vindiero sábado 71 concellos da Galiza en nivel máximo e alto de restricións, segundo acordou o Comité Clínico.

Falecementos

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 na Galiza ascenden a 2.479 despois de notificar Sanidade outros cinco óbitos.

Tres mortes producíronse a segunda feira e dúas esta terza, correspondentes a catro mulleres e un home de entre 74 e 86 anos.