O curso nas escolas de 0 a 3 anos comeza esta terza feira con folga do persoal

O curso no primeiro ciclo de infantil arranca sen restricións Covid, ao igual que no resto de niveis educativos. (Foto: Xunta da Galiza)
Medio millar de escolas infantís ofertan unhas 31.000 prazas na Galiza

Esta segunda feira, 5 de setembro, comeza o curso escolar nos centros de 0 a 3 anos, unha etapa educativa de carácter voluntario que conta na Galiza con 31.000 prazas dispoñíbeis.

Segundo datos facilitados a este xornal pola Consellaría de Política Social, en todo o territorio asumen esta oferta máis de 500 escolas infantís e puntos de atención á infancia. A estas, sinala, hai que sumar as perto de 100 Casas Niño que funcionarán no rural galego neste curso 2022-2023, "que darán atención gratuíta a case 500 familias en concellos onde non hai outros recursos de conciliación".

Por primeira vez, a Educación Infantil será de balde na Galiza para todo o alumnado, independentemente do centro que escollan: público, privado ou de iniciativa social. Na actualidade xa se beneficiaban da gratuidade os segundos fillos e seguintes, mais a partir deste curso a medida esténdese a toda a cativada.

Esta mudanza espertou o interese das familias coincidindo coa apertura dos prazos de admisións nas escolas infantís, que confirman unha alza importante na demanda de prazas, nomeadamente nos centros privados, obrigados a solicitar os fondos destinados pola Xunta a este programa para se beneficiar da gratuidade.

Beatriz Iglesias, presidenta da Asociación Galega de Escolas Infantís, que reúne uns 120 centros privados dos máis de 200 que hai na Galiza, confirma un incremento das matrículas. "Familias que antes esperaban un pouco máis ou tiraban dos avós" non o pensaron desta volta, di, "porque se trata dunha axuda moi boa" que, segundo estimacións de Política Social pode achegarlles un aforro anual de até 2.000 euros. "O único que teñen que pagar agora son os servizos, como o comedor".

Até 306 euros por crianza

O curso pasado formalizaron os trámites para beneficiarse dos fondos destinados pola Xunta á gratuidade da Educación Infantil de segundos fillos unhas 496 escolas, de acordo cos seus propios datos. Superadas as dúbidas inicias dalgúns centros e coa extensión da medida "todas ou case todas" renovaron a súa subscrición, asegura Iglesias.

A Administración galega bonificará cada centro co 100% do que cobra ás familias pola atención educativa até un máximo de 306 euros ao mes por praza a xornada completa, excluído o mes de vacacións.

Por outra parte, o curso escolar nas escolas infantís comeza, no caso dos centros dependentes do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar (147) cunha convocatoria de folga que se estenderá, polo momento, até fin de ano.

O paro vai dirixido a persoal da Galiña Azul mais tamén a traballadoras e traballadores de centros de día, residencias e outros servizos do Consorcio. Comezará co curso, o día 5, e prolongarase durante 15 días até o 16. De aquí a decembro o sindicato CNT avanza chamamentos á folga de 15 días mensuais, polo que se repetirá do 3 ao 14 de outubro, do 2 ao 11 de novembro e do 12 ao 23 de decembro. Ao respecto, "o Goberno galego garantirá a prestación dos servizos mínimos para que o inicio do curso nas escolas infantís non se vexa afectado". Inicia o curso universitario Tamén esta segunda feira comeza na Galiza o curso universitario. A Comisión Interuniversitaria da Galiza (CIUG) realizou onte o último chamamento aos estudantes galegos para matricularse en graos universitarios, dos que perto do 75% xa están fechados, segundo informou nun comunicado de prensa

A escolarización no primeiro ciclo de infantil supera o 50%

No curso 2021-2022 a taxa de escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil na Galiza foi de 50,5%, por riba da media estatal, de 41,4% e tamén da cota recomendada pola Unión Europea, de 33%. A falta de que estes días se concrete o número de alumnos e alumnas matriculadas no prazo extraordinario aberto polos centros públicos autonómicos e pendente do alumando que poida inscribirse no mes de novembro para se incorporar ás aulas a partir de febreiro, as escolas infantís da Galiza abrirán portas a partir do día 5 coa maioría das prazas cubertas. Os primeiros días serán de adaptación, para o alumnado, mais tamén para as familias. Na maioría dos casos poderán volver pisar as escolas. Política Social aprobou unha nova estratexia de control da Covid, centrada nas medidas de prevención e hixiene, pero sen as limitacións que estiveron vixentes no pasado.