O curso empeza na Galiza con 30% do alumnado de Infantil e Primaria no ensino privado

Perto de 196.900 escolares de educación infantil, primaria e especial comezarán o día 11 o curso 2019/20. Son 600 alumnos e alumnas menos que no curso anterior.

A cuarta feira da próxima semana, día 11 de setembro, arrancará o curso 2019/2020 na Galiza para o alumnado do ensino de Infantil, Primaria e Especial. Perto de 197.000 escolares, un número inferior ao do curso anterior (197.500) e na liña de descenso derivada da perda de demografía e baixa natalidade no noso país.

Deses alumnos, por volta de 30% van cursar os seus estudos en centros privados, quer concertados quer non. A maioría dos que estudan por esta vía farano en colexios concertados.

En Infantil este novo curso vai contar con 58.619 alumnos e alumnas. Delas, 41.554 van estudar en centros públicos (70% do total) e 17.065 en privados, dos cales 16.775 farano en concertados e 1.290 restantes en non concertados.

A porcentaxe mantense para o ensino de Primaria, onde neste curso vai haber 136.091 alumnos e alumnas. Deles, 95.524 no ensino público e algo máis de 40.000 no privado (37.756 na concertada).

Por último, no que atinxe á educación Especial, o número estimado de matriculados para este curso é de 1.220, 32 alumnos máis ca no 2018/19. Aquí son mayoría os que estudan na concertada privada (651).

A Consellaría de Educación sinala que no referido ao profesorado, os datos estimados, a falta de que se realicen as pertinentes contratacións de interinos e substitutos para cubrir as necesidades puntuais que se presenten a inicio de curso, indican que o conxunto do sistema educativo galego público contará con 30.101 docentes