#Sermos312

Curso 2018-2019: a vida segue igual

Comezado o curso nas etapas de Educación Infantil e Primaria e a uns días de que principien as aulas para o estudantado da ESO e FP, a mudanza de Goberno en Madrid non se ten traducido nunha mudanza de rumbo no ensino obrigatorio. A intención de volver á LOE e xestos como a idea de retirarlle á materia de Relixión o valor académico outorgado pola Lomce non se substanciaron aínda en avanzos reais que permitan reverter as políticas que nos últimos anos supuxeron recortes e recentralización. Dedicamos ao asunto o Tema de Primeira do Sermos312. Eis un avanzo.

O curso académico que xa está en marcha principia como rematou o anterior. Así o cre o vicepresidente da Confederación de Anpas Galegas, Fernando Lacaci, para quen, polo de agora, “todo o que temos son promesas. Seica vai mudar a consideración de Relixión para calcular as medias, que aumentarán as bolsas e diminuirán os requisitos… Pero todo iso son noticias que aínda non están consolidadas onde deben artellarse: no Parlamento. A mudanza de goberno, de momento, só supuxo declaracións públicas e brindes ao sol”.

 

Quen fora portavoz da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, Anxo Louzao, lembra que os “avanzos declarados de volver á LOE e que a Relixión deixe de ter valor académico son cuestión significativas, mais insuficientes”. Louzao sinala que non se ten producido “mudanza normativa ninguna” que puidese servir de marco para un novo modelo educativo. “Non hai nada diso: continúase a subvencionar os centros que segregan por sexo; refórzase o ensino privado-concertado; a lingua galega continúa discriminada e as aulas, masificadas por mor duns rateos que están en vigor desde hai 28 anos. E, ademais, seguimos lonxe dun ensino gratuíto e inclusivo que garanta a igualdade de oportunidades. En Galiza seguimos sen un modelo educativo propio e o papel da Xunta limítase a trasladar as leis do Estado”. 

 

No ensino público pérdense este curso 54 unidades; no privado-concertado gáñanse 17, mantendo a tendencia dos últimos sete anos 

 

Luz López, secretaria xeral da Federación de Ensino de CCOO, subliña que os problemas que hai son recorrentes. Refírese, por exemplo, a que malia ter anunciado que derrogaría os artigos 2,3 e 4 do Real Decreto-Lei 14/2012 (referidos a rateos, xornada lectiva e substitución de profesorado) e que xa existe un anteproxecto, o Goberno do Estado non o aprobou, co que só poderá ser efectivo “a partir do curso que vén”. “Comete así o erro”, engade, “de non volver á situación anterior; é dicir, que a recuperación das rateos ou das 18 horas lectivas en Secundaria non terán o carácter básico que tiñan, senón que o cambio da norma quedará ao criterio das CC AA”.

 

Para Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, “ao inmobilismo da Xunta sumáselle a situación política no Estado, cun novo Goberno que non dá pasos adiante coa rapidez que require a situación do ensino público e do profesorado. Non se prevé ningunha mudanza substancial na LOMCE, sendo que a intención do goberno español é partir da lei anterior (LOE) e poder ter unha proposta de nova lei para finais de curso, mais sen tomar medidas urxentes que puidesen ter efectos xa, como no papel da relixión, a blindaxe dos concertos, especialmente aos centros segregadores, a selección das direccións ou a vixencia das probas externas”.

 

[A íntegra desta reportaxe aparece no Sermos313, disponíbel na nosa loxa e nos puntos de venda habituais].