O cura de Xestoso (Monfero) acusa os bispos españois: "Nunca obraron ben, eran cómplices e colaboradores dos sacerdotes pederastas"

O cura de Xestoso oficiou unha misa contra os eólicos no mosteiro de Monfero este verán. (Foto: Monfero Di Non).
Luís Rodríguez Patiño chama "terroristas" aos eclesiáticos que durante anos se desentenderon dos casos de abusos sexuais a menores no seo da Igrexa.

O cura de Xestoso (Monfero) e Momán (Xermade), Luís Rodríguez Patiño, ratificouse en considerar "terroristas" á cúpula dos bispos españois por desentenderse dos casos de pederastia ou mesmo "permitilos".

"Nunca obraron ben. Eu levo denunciando desde hai moito tempo que a Igrexa ten que ser transparente. Aínda que a Igrexa é o pobo, aquí falamos máis que nada de xerarquía eclesiástica e non só a española, senón a de todo o mundo", manifestou o párroco.

A respecto dos casos de abusos a menores, lembrou que el mesmo volveu levantar "a alfombra no 2013 e no 2018". "Volvín chamar claramente terroristas aos bispos polo que estaban a permitir, polo terror infrinxido a toda esa xente abusada, aos seus pais e a toda a sociedade", relatou.

Rodríguez Patiño censura "o silencio dos bispos". "Eran cómplices e colaboradores deses sacerdotes pederastas. Nós debemos seguir o Evanxeo, e é moi claro por canto proclama que o que faga dano a un neno máis lle valería colgar unha pedra ao pescozo e tirarse ao pozo", manifestou de forma tallante.

Á pregunta de se mantén que os bispos españois son uns terroristas, o cura de Momán ratificouse nas súas palabras, afirmando que "si", son "terroristas".

Críticas á cúpula eclesiástica

Neste sentido, lamentou como se chega á cúpula eclesiástica. "Está cuberta como o poder xudicial e sinto que fira corazóns, pero podemos dicir que o Opus Dei e a Conferencia Episcopal están a ser presas dunha serie de personaxes. Eu serei peor que eles ou o que ti queiras..., pero vexo bispos que foron nomeados a dedo, sen conciencia, sen mirar a súa maneira de pensar e levar a mensaxe evanxélica", obxectou Patiño.

Así, subliñou que "Igrexa é unha palabra grega que significa reunión, aqueles que se reuniron en nome de Deus e de Xesús". "Hai uns cantos que se toman o seu poder dentro da Igrexa non como servizo, senón como xerarquía e aquí mando eu e interpreto o Evanxeo segundo me interesa", afeou, finalmente.

Á marxe disto, tamén criticou á curia polas inmatriculaciones, xa que só recoñece pouco menos de mil.