Xustiza

O cura acusado de violación polas súas sobriñas xa fora denunciado en 2019 e exercera como capelán dun colexio concertado

Igrexa de Santo Estevo do Cangués, no Irixo, unha das que estaban baixo responsabilidade do sacerdote denunciado. (Foto: José Antonio Gil)
Os abusos denunciados entón por unha das vítimas xa prescribiran e a Igrexa permitiulle retomar o sacerdocio, trasladándoo de Allariz ao Carballiño.

Un novo escándalo sacode a Igrexa católica na Galiza. A veciñanza do Carballiño principiou a semana coa noticia de que Francisco Manuel M. L., o sacerdote responsábel das parroquias de Santo Estevo de Cangués e Santiago de Corneda, no concello do Irixo, pasaba a disposición xudicial en calidade de investigado tras ser denunciado polas súas propias sobriñas por un presunto delito de agresión sexual continuada que se remonta máis dunha década atrás, cando as mulleres eran menores de idade. Non chegou a ser detido, mais o xuíz prohibiulle achegarse a máis de 500 metros das denunciantes ou comunicarse con elas, e deberá comparecer cada quince días nos xulgados, motivo polo que se lle retirou o pasaporte.

Unha das vítimas xa acudira á Xustiza a finais de 2019, alertando da presunta comisión por parte do relixioso dun delito de abusos sexuais, cando este operaba na comarca de Allariz. Daquela tamén se decretaron medidas cautelares de afastamento e o Bispado de Ourense avogou por apartalo das súas responsabilidades mentres se investigaban os feitos.

O caso, porén, non chegou a ser xulgado nunca, pois no momento da presentación da denuncia pasaran máis de dez anos e o delito xa prescribira. A lexislación entón vixente, antes da entrada en vigor da normativa de protección da infancia coñecida como 'Lei Rhodes' —polo seu principal valedor, o músico inglés James Rhodes—, marcaba que o delito prescribiría cumprida unha década após facer a vítima a maioría de idade. Con este cambio de paradigma o cómputo comeza aos 35 anos de idade, polo que hoxe non tería prescrito.

Cousa distinta acontece co delito que as dúas mulleres veñen de denunciar agora, o de agresión sexual continuada, pois aínda co Código Penal previo a esta reforma os feitos poderían xulgarse ao prever unha pena que pode alcanzar os 15 anos de prisión —coa tipoloxía simple de abusos vai até 3 anos—, polo que non prescribiría até pasados entre 15 anos e dúas décadas —en función das agravantes que se lle poidan aplicar—.

Arquivado o caso, o cura, que exercera conforme apuntan diferentes medios tamén como secretario da Vicaría de Pastoral e capelán do colexio Divino Maestro de Ourense —centro privado sostido parcialmente con fondos públicos perante concerto coa Xunta da Galiza—, puido retomar o sacerdocio. Foi na primavera de 2021, cando o Bispado suspendeu as medidas cautelares decretadas alegando o sobresemento xudicial. Non volveu dar misa en Allariz, mais a decisión da Igrexa foi trasladalo á comarca do Carballiño para que proseguise alí os seus labores profesionais.

Desde a Diocese ourensá reaccionan agora da mesma forma, afastándoo dos altares temporalmente pero evitando facer máis valoracións sobre o caso, "por respecto ás actuacións xudiciais en curso, á intimidade das vítimas e á presunción de inocencia do investigado".

As dioceses galegas non trasladan casos de abusos á Fiscalía

Ningunha das dioceses galegas remitiu á Fiscalía Xeral do Estado datos concretos sobre casos de abusos sexuais a menores denunciados ante estas institucións, e só dúas, das cinco existentes no país —Mondoñedo-Ferrol e Santiago—, responderon ao requirimento do fiscal xeral, Álvaro García Ortiz, quen lamentou o pasado mes a "escasísima información" recibida por parte da Igrexa en todo o Estado español.