Cuntis: historia, paisaxe e termalismo a través dos séculos

A lagoa da Eira dos Mouros

O Concello de Cuntis, na comarca de Caldas, é un dos destinos termais máis destacados da Galiza. Amais diso, conta cunha importante cantidade de xacementos arqueolóxicos que fan da súa terra unha auténtica mina da nosa historia. Desde o Neolítico até os nosos tempos, Cuntis foi un lenzo en branco onde observar as distintas formas de ocupación humana que se foron modulando ao longo dos anos. Unha ollada a través do tempo.

 

Cuntis sitúase na comarca de Caldas, bañado polo río Umia e profundamente marcado pola formación do val do río Gallo, que atravesa o concello de norte a sur. Esta formación natural está delimitada polo monte Xesteiras ao norte e polo monte de Arcos e o Castro Sebil ao leste, que serven de miradoiros naturais para observar a xeografía da vila desde as alturas. Conta tamén con espazos naturais tan destacábeis como a Eira dos Mouros, unha lagoa estacionaria rodeada dunha necrópole megalítica na zona de Zó, as Campaíñas, unhas pozas naturais do río a escasos metros de Castrolandín, e a Tomada do Cura en Vilameán, unha das carballeiras máis importantes do concello. Destaca tamén o Parque de Maráns, que conta cun monumento ao Sagrado Corazón realizado polo escultor Francisco Asorey, o Penedo do Umia, o parque urbano da Horta do Cura e o paseo fluvial que atravesa a vila.

 

Lavadoiros, cruceiros, hórreos, cemiterios e mosteiros son parte do patrimonio que pode atoparse no concello

 

Cuntis e os seus arredores conforman unha zona de intensa ocupación humana desde a prehistoria. Proba diso é a presenza de numerosos xacementos arqueolóxicos datados do Neolítico, período caracterizado polo fenómeno do megalitismo: a construción de mámoas a modo de enterramentos monumentais que destacan na paisaxe. Consistían en cámaras de pedra (dolmens) cubertas por terra e unha coiraza de pedra. Esta arte ten presenza en dúas áreas ben delimitadas: por un lado a marxe oriental, onde atopamos o conxunto de Mesego e Zó, e a occidental, entre as parroquias de Troáns e Estacas, construídas polos primeiros agricultores e campesiños da zona entre os séculos V e III milenios antes da nosa era.

 

Máis adiante, xa na Idade de Bronce, destaca a arte rupestre, con manifestacións  que podemos atopar en boa parte do concello, sendo as máis salientábeis as áreas de Cequeril e a Ran. Aínda que a maior parte dos motivos son combinacións circulares e cazoletas, no caso do Outeiro do Forno da Tella (A Ran) atópanse as únicas representacións de cervos de todo o concello. A maior parte destes gravados semellan formar unha liña que atravesa o territorio en diagonal desde a parroquia de Cequeril até a de Piñeiro, o cal indica unha posíbel zona de tránsito para esa sociedade.

 

14 castros

 

Con respecto á cultura castrexa, o Concello de Cuntis conta cun total de 14 castros dispersos por case todas as súas parroquias. Estas aldeas fortificadas atópanse normalmente en posicións dominantes sobre o seu entorno que permitían controlar os recursos e as vías de comunicación dos arredores. Destaca o Castro da Aurela (na parroquia de Arcos de Furcos), o de maior tamaño e escavado en 1930 por Antonio Fraguas, o Alto do Castro (Laxos) e Castrolandín, referente na arqueoloxía galega.

 

Coa chegada dos romanos, aparece un novo lugar que leva ocupado 2000 anos: Aquae Calidae, hoxe capital do Concello. Tratábase dun estabelecemento balneario que aproveitaba as augas mineromedicinais combinando a vertente salutífera coa relixiosa. Os mellores exemplos son a aparición das Aras ás Ninfas no século XVIII (actualmente no Museo de Pontevedra), arredor de 500 moedas romanas no interior da burga Lume de Deus, e o baño romano descuberto polo médico Fernández Mariño en 1831 e que hoxe está baixo a burga da rúa Real. 

 

Da Idade Media destacan os seus mosteiros. Un deles, na parroquia de Couselo, outro en Arcos de Furcos e dous máis no mesmo centro de Cuntis: o de San Xiao de Caldas de Cuntis e o de Santa María de Termis. Deste último consérvase a lauda sepulcral do Abade Adaulfo. 

 

No seu pasado máis recente, Cuntis destaca polo oficio de canteiro e os innumerábeis restos patrimoniais que os séculos deixaron na vila. Mostra diso é a presenza de lavadoiros, cruceiros, hórreos (o maior deles en Estacas, cun total de sete claros e 17 metros de longo) e cemiterios, entre os que se atopa o de Arcos de Furcos, que se caracteriza por ter unha parte subterránea a modo de cripta.

 

Termalismo

 

As orixes de Cuntis atópanse no intre en que os romanos deciden erguer un complexo balneario aproveitando as augas termais, que seguen en uso até a actualidade, facendo da vila un destino coñecido alén das súas fronteiras.

 

As augas termais de Cuntis son descritas como sulfurado-sódicas-termais, beneficiosas para doenzas respiratorias, reumáticas e cutáneas. No casco histórico manan dúas burgas: a de Lume de Deus, cunha temperatura de 59 ºC e a da rúa Real con 53ºC. Estas ademais están relacionadas con importantes restos arqueolóxicos romanos. Aínda que hai constancia de numerosas casas de baños na Época Moderna, non é até o século XIX cando o uso das augas cobra importancia grazas ao impulso da balneoterapia. Cómpre salientar que é aquí onde Manuel Xacobe Fernández Mariño, primeiro médico-balneario de Galiza, obtén a súa praza, a partir da cal elabora varios estudos sobre as aplicacións terapéuticas das augas.

 

A importancia destas augas radica na grande afluencia de persoas usuarias, desde Rosalía de Castro, Manuel Murguía, Eduardo Pondal ou Ramón Cabanillas aos milleiros de persoas anónimas que seguen acudindo ano a ano en busca de terapia e descanso. Na actualidade, ademais do balneario, existen hoteis e pensións nas cales dar cabida a todo aquel que desexe desfrutar das augas.