Andrés Domingo Vila: "Mentres que todos os medios antiincendios van ás leiras dos ricos, para os pobres, pan duro"

Andrés Domingo Vila Noal, presidente da Mancomunidade Serra do Barbanza.
Tras os incendios ocorridos no Barbanza este verán, as comunidades de montes desta comarca pediron á Fiscalía que se investigue o dispositivo fornecido pola Xunta da Galiza o 4 de agosto para frear os lumes. Andrés Domingo Vila Noal, presidente da Mancomunidade Serra do Barbanza, asegura que se cometeron numerosas neglixencias e demanda un maior compromiso.

— Por que piden á Fiscalía que investigue o dispositivo da Xunta nos incendios do Barbanza?
Pedimos que se investigue a xestión dos lumes porque temos probas, pois vimos cos nosos ollos que non se tratou dun único incendio, senón de varios. Queremos que se depuren responsabilidades e que se sinalen as persoas culpábeis dun cúmulo de neglixencias que provocaron que todo o monte do Barbanza estea hoxe negro. Desde o primeiro momento non deixaron de cometer graves erros. Unha das neglixencias máis relevantes foi o atraso á hora de acudir á zona afectada. É fundamental actuar na primeira media hora dun incendio para poder atallar o lume, mais non chegaron a tempo.

Outro dos erros que cometeron foi a mala colocación de contralumes, que toda a veciñanza sabemos que puxeron, pero os responsábeis mantéñeno en secreto. A lei exixe que os contralumes deben ser colocalos por unha persoa cualificada seguindo unhas pautas concretas, pero neste caso fixérono de calquera maneira sen ter en conta cuestións como o vento, que sopraba en contra. Un contralumes mal feito pode ser peor que o propio incendio.

Ademais, cando eu mesmo me acheguei á zona na madrugada do 5 de agosto, non había ninguén alí intentando apagar o lume. Tiven que chamar o garda da nosa zona cando era outra persoa a que tería que estar ao cargo da situación. Ás oito da mañá estaba extinguido, mais volveu prender no mediodía. Cando as brigadas que se achegaron puideron apagalo, marcharon sen deixar ningunha persoa comprobando que non volvía arder. Foi unha neglixencia que ninguén quedara no lugar do incendio, sobre todo co vento que había. Antes de que marchasen da vila, o lume volvera medrar. Quizais estaban ocorrendo moitos incendios á vez e había poucos medios para cubrilos.

— Quen son os responsábeis de que se cometeran estas neglixencias?
En primeiro lugar, hai un garda, que todos na zona coñecemos, que xa foi trasladado por diferentes lugares porque ninguén o quere. Cando o lume chegou ao cámping de Ribeira o 5 de agosto, as persoas encargadas del preguntaron quen se ocuparía do cámping se chegaba o lume até alí. Este garda en cuestión, despois de asegurarlles que quedaban algunhas bombas e unha brigada, ao ver que o incendio se aproximaba á súa vivenda próxima ao lugar, trasladou os dispositivos até a súa casa deixando o cámping desprotexido. Son todos amigos e protéxense entre eles. Mentres que todos os medios van ás leiras dos ricos, para os pobres, pan duro.

Mentres que todos os medios van ás leiras dos ricos, para os pobres, pan duro

O director xeral de defensa do monte, Manuel Rodríguez, tamén é responsábel, pois sabe todo o que está a ocorrer e non actúa. Hai moita xente que está a traballar na extinción de lumes que non está formada, e iso non pode ser.

Non sei até que punto o conselleiro de Medio Rural, José González, ten algunha responsabilidade ao respecto. O que é evidente é que están a intentar que todo quede tapado e silenciado. Nós xa puxemos a denuncia na Fiscalía pois, aínda que non creo que consigamos nada, non podemos calar. Alguén ten que facer algo. Non é nada novo que arda a Galiza, e resulta incríbel que non haxa un bo plan de prevención.

— Cales son as demandas que sosteñen desde a Mancomunidade Serra do Barbanza?
Queremos que falen con nós, e estanse a "escaquear". Tiñamos prevista unha reunión co conselleiro de Medio Rural agora en agosto, mais a estas alturas non creo que sexa posíbel, a ver se nos podemos reunir a comezos de setembro. Pedimos dúas cuestións claras: por unha parte, un compromiso para o futuro e, por outra parte, que se leve a cabo unha mellor política de xestión dos dispositivos de extinción de lumes.