OS EUA NON APOIAN O CARáCTER VINCULANTE

O Cumio do Clima propón limitar o aumento da temperatura por baixo dos 2ºC

[Imaxe: Greenpeace] Cadena humana polo medio ambiente

O proxecto dado a coñecer na mañá do sábado propón acoutar a suba da temperatura por baixo dos 2ºC e realizar “esforzos” para que o aumento non pase os 1,5ºC

O ministro de Exteriores de Francia e presidente da Conferencia Internacional de París sobre o Clima (COP21), Lauren Fabius, presentou o sábado a proposta de acordo contra o cambio climático, que resultou logo dunha longa negociación, pois varias delegacións esixían o seu carácter vinculante. De feito, a presentación adiouse até o sábado por mor da falta de acordo entre as 195 delegacións que tomaron parte do cumio e que deberán ratificar a proposta.

Entre as medidas que recolle o texto atópase a limitación a 2ºC da suba da temperatura e realizar “esforzos” para que non pase dos 1,5ºC. A meta dunha limitación das temperaturas a 1,5ºC é un reclamo impulsado polos Estados insulares, os particularmente ameazados polo cambio climático.

Tamén se avoga por achegar un mínimo de 100.000 millóns de dólares anuais aos países en desenvolvemento a partires de 2020 para facerlle fronte ao quecemento global. Esta cantidade deberá ser revisada, a máis tardar, en 2025.

Os puntos que suscitaron unha maior controversia no seo do cumio foron o financiamento por parte dos países ricos e o compromiso global da emisión de gases de efecto invernadoiro.

EUA non apoia o carácter vinculante

A COP21 comezou o 30 de novembro e conclúe este sábado. Ao longo destes días, un total de 195 países debateron propostas concretas para preservar o medio ambiente. Países como o Ecuador, Venezuela, Bolivia ou Rusia expresaron o seu apoio a traballar polas medidas que contrarresten o cambio climático. Os EUA, pola súa banda, non apoiaron o carácter vinculante da COP21. Hai que lembrar que é o segundo país con maior índice de emisión de gases de efecto invernadoiro.

Nunha primeira valoración, asociacións ecoloxistas de todo o mundo consideran moi pouco ambicioso o acordo e advirten de que tratar de reducir a suba da temperatura a 1,5ºC sen medios para o facer é pouco realista. Precisamente, nas últimas semanas tiveron lugar en París mobilizacións de entidades ecoloxistas para reivindicar un acordo que axudase a reverter o cambio climático. Debido ao estado de excepción que vive Francia, activistas do ecoloxismo foron reprimidos e reprimidas.