Cumbias espaciais para rachar o illamento

Naranja Imaginario durante un concerto en marzo pasado (foto Taller Naranja)

Naranja Imaginario, unha banda de pop que naceu nun centro ocupacional con persoas con diversidade funcional, comeza a entrar en circuítos de música comercial, prepara a gravación do seu primeiro disco e demostra que colectivos pouco visíbeis teñen cousas que contar á comunidade.  

Naranja Imaginario é unha banda de pop. Un grupo de música electrónica que ensaia nunha pequena habitación coas paredes pintadas de laranxa no centro ocupacional Pascual Veiga na Coruña. “Facemos concertos, eu son o que debuxo… cousas que me vai suxerindo á música e que se proxectan nunha pantalla”, di Ramón, de 42 anos, que empezou tocando pero terminou por centrarse na parte visual. Debuxa nun ordenador, improvisa. Mila, 37 anos, é a outra pata do aparello visual. Utiliza un par de retroproxectores para facer xogos de luces e pompas de auga e xabón. Pero Mila tamén toca, encárgase dun dos sintetizadores e canta. Con Tania, que esta mañá non pode asistir ao ensaio.

Mariana, de 31 anos, é batería e percusionista. “Cando cheguei, tivemos un pequeno problema… a min gústanme estilo así como o reggaetón, a cumbia, todo o latino. Pola miña culpa Roberto mudou un pouco o estilo porque sabía que a min me gustaba ese retro”.

 

“É certo, estabamos máis centrados no pop, pero desde que chegou Mariana fomos derivando cara un rollo latino… facemos cumbias, cumbias espaciais”, conta Roberto, a persoa que dinamiza a banda. Roberto ten 35 anos, é profesor no centro e músico autodidacta. “Este é o gran proxecto, o que fai que pase horas e horas aquí, é algo que ten que ver coa educación social. Somos unha banda de música con persoas de diversidade funcional e imos cara a comunidade con algo que dicir… é algo que nos empodera”.       

 

Estrella, de 39 anos, encárgase dun dos teclados. Tamén ten as súas preferencias fóra da música electrónica. “Escoito a Pablo Alborán, pero o meu favorito é Bustamante”. Estrella é a orixe dunha das pezas de máis éxito entre os membros da banda. “Eu quería unha música bonita para a miña gata, e todos me axudaron a facer esa canción: Cinca”.

 

Naranja Imaginario naceu dun aula de habilidades para a vida diaria. Roberto pensou en introducir a tecnoloxía. Levou ordenadores e un día, un sintetizador. As sesións derivaron cara habilidades sociais e culturais. Gravaron un vídeo e chamáronos para participar no festival Igualarte en Vigo. Foi a finais do 2014. O centro ocupacional correu cos gastos. Durante o 2015 continuaron ensaiando, empezaron a actuar en eventos do centro. En marzo de 2016 foron convidados a tocar na Fundación Luís Seoane. “Os doce meses seguintes foron un proceso de madurez”, explica Roberto, “chegou Mariana, tamén Iago… o que viña sendo un taller de psicomotricidade e estimulación do pensamento entrou nun proceso artístico, cando en marzo deste 2017 tocamos en La Nave, aquí na Coruña, xa éramos unha banda”.

Na primavera pasada foron convidados ao festival Una Mirada Diferente, en Madrid. Estiveron alí cinco días. “Encantoume, mesmo houbo público que nos pediu autógrafos”, lembra Mariana. Ramón tamén vendeu un dos seus debuxos. O centro Pascual Veiga segue adiantando os cartos para as viaxes. En Naranja Imaginario están pensando en formar unha asociación coas familias dos músicos para dispoñer de certa autonomía respecto da entidade social. Desde que se moven en circuítos artísticos teñen a posibilidade de financiarse a través da música. Están pensando tamén en gravar un disco. Dez cancións nun estudo profesional. Xa teñen temas dabondo: Día de lluvia, Corazón azul (“Tania canta á tristura”, din), Melodi Mordor, “que se titula así porque a algunha lle era máis doado que dicir Marilyn Monroe”.  

 

“Traballamos a partir de experiencias persoais, pero tamén de pensamentos abstractos. Por exemplo un día Mila pediu que fixeramos música acuática… e todos os son tiñan que ver coas sensacións que nos produce. E coas letras, igual. Logo depende do estilo das cantantes, eu diría que Mila é máis surrealista e Tania máis narrativa”, di Roberto.

 

“Roberto tamén canta. Na canción á miña gata, que morreu, cantou algo e gustoume moito”, apunta Estrella. A música serve para canalizar sentimentos, explica o profesor. “A música entra nos corpos”, di. “Chega ao corazón de cada un”, conta Mila.

 

Iago, é o máis novo, ten 23 anos e confesa que desde sempre lle gustou a música e a percusión. “Mariana está na batería eléctrica e eu á outra, coa caixa e co prato”. Naranja Imaginario combina o analóxico co dixital, o retro co moderno. Shakira, a preferida de Iago, con Hidrogenesse, o que máis se escoita no taller. Un programa informático axuda na harmonía para que todos os instrumentos estean na mesma escala e os músicos céntranse nos ritmos e nas melodías. “As melodías interiorizámolas pensando nelas como en movementos, cada canción ten a súa forma, horizontal, vertical, a saltos… e despois de moitos ensaios acaba fixándose unha cousa que nace da experimentación individual de cada unha co seu instrumento”, explica Roberto.

 

Chega Mónica, de 40 anos, para o ensaio desta mañá e colócase diante dun dos sintetizadores con teclas que se iluminan. Estrella, ao piano. Míranse e sorrín sen perder a concentración. Ramón, moi serio, fedella coa tablet. Imaxina. Este verán tocaron no Noroeste Pop Rock. Xa son unha banda coñecida na Coruña. “Estamos entrando nun circuíto profesional, pero pode que o máis importante sexa que estamos creando cancións para un colectivo habitualmente pouco visíbel desde o propio colectivo”, indica Roberto. “Para min, profesionalmente, é todo o que podía esperar da educación social. Estou nun proxecto transformador, autónomo e capaz de saír das paredes do propio centro”. 

 

Fotos:

1) Naranja Imaginario durante un concerto en marzo pasado (foto Taller Naranja)

2) Iago, Ramón, Mónica, Roberto, Estrella, Mila e Mariana

3) Naranja Imaginario durante un ensaio no Centro Ocupacional Pascual Veiga