A cultura feita en galego implícase para rachar coa fenda entre Norte e Sur

A poeta Yolanda Castaño recibiu o galardón 'Implicada do Ano' na primeira edición do festival [Imaxe: Implicadas]

A organización Implicadas no Desenvolvemento celebra en Compostela a novena edición do festival Implícate con nomes destacados como Najla Shami, Ataque Escampe, Olga Novo, Daniel Salgado, Camila Bossa ou Iolanda Muíños.


Fronte aos chamamentos á caridade e as campañas de captación de soci@s, a organización Implicadas no Desenvolvemento turra da arte feita na Galiza para visibilizar o seu traballo na cooperación, concebida esta desde unha ollada crítica, feminista e, sobre todo, desde a idea de que as estruturas do Sur só van mudar se mudan as estruturas no Norte. 

Baixo estas premisas, o colectivo que a escritora María Reimóndez impulsou en 1998 celebra este 12 de xaneiro no Teatro Principal de Compostela [20.30h] a novena edición do festival Implícate, unha mistura de música, palabra, teatro e danza que pretende unir a cultura feita en galego e, ao tempo, demostrar que a crise que mantén máis de 1.200 millóns de persoas en situación de pobreza extrema nos países do Sur é a mesma crise que está a soportar a clase obreira nos países do Norte. 

O diñeiro recadado coa venda de entradas [12 euros a xeral, 8 euros a de estudantes e 5 euros para a fila 0] irá destinado a financiar os proxectos que Implicadas desenvolve, centrados en dous lugares prioritarios: a India e a Etiopía. Desde pular pola alfabetización de crianzas até loitar pola erradicación do feminicidio, a organización aposta na autoxestión das propias comunidades e na experiencia das contrapartes, as entidades locais con que Implicadas traballa para a xestión de cada proxecto. 

Sinalado todo o anterior, só queda repasar o programa do festival deste ano, que estará conducido pola poeta Yolanda Castaño. O outro colaborador habitual deste evento, o actor Luís Tosar, non se implicará desta volta. Eis o cartaz completo: 
 

MÚSICA

Najla Shami
Deusa Tola
Ataque Escampe

DANZA

Druídadanza

LITERATURA

Olga Novo
Cesáreo Sánchez Iglesias
Elvira Riveiro
Daniel Salgado

TEATRO

Camila Bossa e Iolanda Muíños
David Perdomo