Representantes da cultura exixen a abolición das touradas en Pontevedra

[Imaxe Touradas fóra de Pontevedra]

Unha manifestación o 13 de agosto percorrerá a cidade.

Pontevedra pola cultura, a arte e a ética. Así intitula Touradas fóra de Pontevedra o manifesto co que reclaman a abolición desta práctica na cidade e ao que deron leitura o debuxante Kiko da Silva e a integrante da plataforma, Vicky Estévez, o 8 de xullo. 

O texto foi apoiado por ducias de representantes do asociacionismo cultural pontevedrés, profesorado e artistas de diversas disciplinas. Nel, sinalan, queren facer público o seu posicionamente "alto e claro" contra esta práctica, "un cruel espectáculo", co que, din, "aínda temos que convivir na nosa cidade en pleno ano 2016". En Pontevedra mantense activa unha praza de touros privada. 

O negocio das touradas non se pode tentar lexitimar apelando unha e outra vez ao feito de ser unha suposta tradición cultural

Neste senso, aseguran que o "negocio das touradas non se pode tentar lexitimar apelando unha e outra vez, sen pasar pola peneira da crítica ética, ao feito de ser unha suposta tradición cultural e unha manifestación artística a preservar". 

Así, desmenten que "no caso galego" faga sentido "defender as touradas como unha tradición" pois "son anecdóticas as referencias a espectáculos de tauromaquia antes de finais do século XIX en Galiza" e lembran que "Martiño Sarmiento (tan ligado a Pontevedra) sinalaba no século XVIII, desde unha postura contraria á tauromaquia, que no noso país as touradas non tiñan o máis mínimo predicamento popular"

As tradicións non se poden defender en base, simplemente, ao feito de seren algo tradicional, algo repetido no tempo

Malia todo, acrecentan, "aínda que efectivamente as touradas fixesen parte da nosa tradición cultural, isto non as libraría de seren sometidas ao filtro da ética posto que as tradicións non se poden defender en base, simplemente, ao feito de seren algo tradicional, algo repetido no tempo". 

"Negámonos a considerar como unha expresión da creatividade humana tal exemplo de comportamento cruel e brutal, e negámonos a aceptar que a arte sexa empregada como escudo dun negocio que só debería causar vergoña", sentencian, instando "as diferentes administracións" a asumir "unha posición abolicionista activa". 

Touradas fóra de Pontevedra convoca o 13 de agosto unha manifestación na cidade do Lérez ás 20h. 

Fe de grallas. A data da manifestación foi corrixida. Inicialmente e por erro dicía xullo.